DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do ciclo de “Docencia e innovación educativa”

Un experto catalán explica no campus os métodos docentes centrados no estudante

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/03/2009

O profesor da Universidade Politécnica de Cataluña, Miguel Valero, inaugurou hoxe unha nova etapa no ciclo de conferencias Docencia e innovación educativa no escenario dos novos plans de estudo universitarios. Acompañado polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, o experto catalán impartiu cunha clase práctica sobre as cousas que poden pasar cando usas a aprendizaxe baseada en proxectos, “un tema que conecta directamente co sistema que formula Boloña e co reto de deseñar actividades que conduzan á aprendizaxe e que motiven aos estudantes”, segundo el mesmo sinalou aos asistentes ao inicio da charla.
Valero, autor de numerosos artigos sobre a pertinencia dos métodos docentes centrados no estudante, empregou unha visita ao campus dixital da súa universidade para explicar aos docentes vigueses que asistiron ao acto o modelo que se está a empregar na Escola Politécnica Superior de Castelldefels, na que el imparte docencia de informática. Neste centro levan xa uns anos experimentando con esta fórmula no ensino da enxeñaría, en diferentes formatos, desde materias illadas de enxeñarías de telecomunicación, informática e aeronáutica, ata todo un plan de estudos de segundo ciclo de Enxeñaría de Telecomunicación.
“Adaptarse ao novo modelo é difícil porque se trata, nin máis nin menos, de facer as cousas ao revés de como as viñamos facendo ata agora”, explicou o profesor. Desde o seu punto de vista, non se trata de explicarlles aos alumnos todo o que teñen que saber antes de poder enfrontarse a un problema ou proxectos, senón presentalo ao inicio da actividade, de maneira que se converta “no motor que dirixa os seus esforzos de aprendizaxe”, en función das necesidades do problema ou do proxecto. Neste sentido, a aprendizaxe baseada en proxectos, “é unha estratexia que motiva aos alumnos, os sitúa no centro do proceso de ensino/aprendizaxe e favorece o logro de rendementos académicos superiores”.

Unha estratexia docente difícil e potente

Estas metodoloxías están a merecer un crecente interese no contexto de adaptación de plans de estudo e materias aos requisitos do sistema europeo de créditos, ECTS. De xeito máis específico indicou que este modelo ofrece pautas que axudan ao docente a encher de actividade significativa para a aprendizaxe as horas de dedicación dos estudantes, dentro e fóra da clase, de acordo coa asignación de ECTS que teña a materia. Ademais, introducen os elementos de motivación que empurran os alumnos a percorrer o camiño que preparamos para eles. “É un contexto que favorece o desenvolvemento e a avaliación de competencias transversais, como a comunicación oral e escrita ou o traballo en equipo”, indicou.
A este respecto, a importancia do traballo en grupos, Valero indicou que “hai que deixar ben claras as normas e as expectativas e axudar aos alumnos en todo o proceso”, subliñou, ao tempo que recalcou a importancia de facilitarlles unha guía detallada do que deben facer en cada actividade.

Un libro para os asistentes

Como xa vén sendo habitual, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, agasallou a todos os asistentes cun libro. Nesta ocasión tratouse do volume, A aprendizaxe baseada en proxectos no ensino universitario no que se recollen unha mostra de artigos que lle poden permitir ao lector facerse unha idea xeral da experiencia do convidado, “dos logros alcanzados e das dificultades que estamos a atopar nesta apaixonante viaxe”, tal e como se indica na presentación do volume.
A próxima conferencia do ciclo terá lugar o 17 de abril e será impartida por Joaquín Gairín Sallán, da Universidade Autónoma de Barcelona, que falará sobre o plan de acción titorial na unviersidade.