DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades continúan ata o domingo

O experto estadounidense Brian Silliman abre en Oia o congreso sobre caracois mariños

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/09/2008

A intervención do experto estadounidense Brian Silliman iniciou hoxe en Oia a undécima edición do ISOLBE, o simposio internacional no que se reúne a comunidade científica dedicada ao estudo dos caracois mariños.
“Foi unha charla moi profusa en resultados e en experimentos ben realizados”, explicaba o profesor Emilio Rolán, organizador do congreso. Nela presentou os resultados das investigacións levadas a cabo durante os últimos dez anos nas marismas de Estados Unidos, centrados sobre todo nunha serie de caracois capaces de alimentarse de fungos.
Ao longo da mañá participou tamén a investigadora sueca Sara Saltin, autora da conferencia Comportamento homosexual en caracois mariños, onde se expuxo que nalgunhas especies a porcentaxe de cópulas entre machos pode ser bastante alta, chegando ata un 10 ou 15 % do total.
Ademais das conferencias o congreso inclúe diversos talleres, sesións de traballo nas que algún dos expertos explica unha técnica en particular e os participantes interesados tratan de aprendela e exercitarse nela. “Hoxe van participar os profesores vigueses Humberto Quesada e David Posada que explicarán a análise xenética de secuencias de ADN”.

Un extenso programa

O programa do xoves está centrado en afondar nos mecanismos evolutivos que poden explicar a variación natural, ben sexa a nivel de ADN ou de calquera outro aspecto da anatomía ou a morfoloxía dos caracois.
O venres contarase coa participación do prestixioso científico Jerry Coyne, experto en temas de especiación, tema sobre o que xirará o conxunto de relatorios desta xornada. Pola contra o sábado está reservado para a presentación de traballos multidisciplinares que non necesariamente teñen que estar centrados nas littorinas pero que si empregan técnicas que poden resultar moi útiles na investigación destes organismos.

Web do congreso