DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analizaron as eleccións europeas nun coloquio en CCSS e da Comunicación

Expertos advirten que o auxe dos partidos euroescépticos podería supor o fin da UE

A menor influencia do ‘voto útil’ nestes comicios motiva a fragmentación do parlamento comunitario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 29/05/2014

As eleccións ao Parlamento europeo da pasada semana celebráronse “no marco dunha crise económica e financeira sen precedentes na historia da Unión Europea”, segundo destacou o profesor do grao en Dirección e Xestión Pública Constantino Cordal. Este contexto tería motivado en gran medida unha das principais novidades que supuxeron os resultados dos comicios celebrados nos 28 estados que integran a UE, o “auxe dos partidos populistas e euroescépticos e o avance da ultradereita na inmensa maioría dos países”, o que a xuízo de Cordal pon en “claro risco” o futuro da unión.

“Dicía George Orwell que en tempos de incerteza a xente está disposta a crer nos máis tremendos disparates e, desafortunadamente, iso é o que estamos a ver”, engadiu Cordal, que este xoves participou xunto cos profesores da Área de Ciencia Política e da Administración Celso Cancela e Álvaro López Mira nun coloquio titulado Que cambia na UE tralas eleccións do 25-?. Na mesa redonda celebrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Cordal cualificou como “moi preocupante” o “auxe do populismo e o euroescepticismo” na practica totalidade dos países da UE, coa excepción de España e Portugal, que aínda teñen nunha “memoria relativamente recente longas ditaduras de extrema dereita”.

Xunto coa vitoria do UIKP en Reinou Unido, o “caso máis preocupante” deste auxe do euroescepticismo é para Cordal que a Fronte Nacional fose o partido máis votado en Francia. Non en van, que esta formación obtivese a vitoria nunha eleccións presidenciais “significaría practicamente que a Unión Europea deixaría de existir, xa que sen Francia non hai Unión Europea”. Pero máis aló do futuro do proxecto comunitario, Cordal incidiu en que os resultados do 25-M tamén traen consigo “un problema maior”, xa que parte destes partidos son “claramente xenófobos, antisemitas, antimusulmáns ou antihomosexuais”, cuestión que ten os seus “casos máis sangrantes” nos resultados de partidos como Jobbik en Hungría, Amencer Dourado en Grecia ou o Partido Nacional Demócrata Alemán, formacións “abertamente neonazis”.

O norte contra o sur

A xuízo de Cordal, a crise económica tamén motivou que na Europa “máis castigada polos recortes”, que serían os países do sur, se votase maioritariamente a partidos de centroesquerda, fronte ao triunfo do centrodereita nos estados do Norte. “Poderíamos dicir que na Europa acredora gaña a dereita e na debedora vence a esquerda e isto evidentemente hai que identificalo dentro dun contexto de crise”, opinou.

Eleccións sen ‘voto útil’

Máis aló de que a crise económica “axude á eurofobia e aos discursos nacionalistas”, para o decano en funcións, Celso Cancela, existe outro factor determinante da “clara fragmentación” do parlamento europeo, a “volatilidade do voto” que caracteriza a estas eleccións. “Nas europeas o elector non vota de acordo con criterios de utilidade, que noutras eleccións lle levan a sacrificar as súa preferencias ideolóxicas para o que seu voto resulte útil”, salientou este profesor, para o que estes comicios dan pé “a un voto innovador, case experimental”.

Xunto a ese “voto máis liberado” a principal conclusión que Cancela tirou destes comicios é o “inicio dun cambio substancial” no relativo á incorporación das cuestións comunitarias á axenda dos partidos. Historicamente estes comicios foron concibidos como “unhas eleccións domésticas de segunda orde” nas os partidos debatían cuestións do propio país. “Había un discurso en clave nacional, de que se ía a Europa a defender os intereses nacionais”, apuntou Cancela. Mais, pese a que esa concepción siga existindo, o feito de que por primeira vez os partidos tivesen que propor un candidato á presidencia da Comisión Europea contribuíu tamén a que se estea a producir “unha europeización das eleccións europeas”.

Uns resultados que levan a “gran coalición”ao imaxinario da xente

O profesor Álvaro López Mira encargouse de afondar nos resultados en España e Galicia, onde se produciu un importante descenso no número de apoios que reciben os dous grandes partidos. De feito, a suma dos votos recibidos por PP e PSOE situouse en España no 49% do total, fronte ao 81% das anteriores eleccións europeas, mentres que en Galicia pasouse dun 85% a un 57%. Por ese motivo, López Mira incidiu en que estes resultados “sitúan no centro da axenda informativa” a idea da “gran coalición” entre estes dous partidos, “que aínda non se produciu, pero que está xa no imaxinario da xente”. Neste senso, López Mira apuntou que estes comicios poden implicar un cambio de tendencia respecto da idea do “voto útil”, xa que amosaron “que a xente prefire votar en clave de conciencia individual”, como demostra o feito de que o 10% dos votos en España fosen a parar a formacións que non obtiveron representación.

Por outra banda, este profesor fixo énfase tamén no feito de que a suma dos apoios obtidos polas forzas de centroesquerda e esquerda supere en 1,2 millóns de votos ás das formacións de centrodereita, o que ao seu xuízo pode implicar “un cambio de tendencia política de cara a próximos comicios”