DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso de Biocombustibles Sólidos que acolle a EUET Forestal

Expertos analizan a potencialidade da biomasa en Portugal, que ten o 60% do territorio dedicado a monte

O debate trasladarase mañá ao contexto español

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 21/06/2010

En Portugal prodúcense anualmente unhas 600.000 toneladas de biocombustible sólido. Non obstante, esa produción resulta da explotación de apenas un 40% da superficie forestal. O principal atranco para o desenvolvemento do sector é, segundo os expertos, a fragmentación da masa forestal en pequenas parcelas de titularidade privada e o difícil acceso a moitos deses terreos para a súa explotación. Hoxe deu comezo na EUET Forestal o I Congreso de Biocombustibles Sólidos para analizar as potencialidades do sector en Portugal e España, buscar como optimizalo e dar a coñecer experiencias de aplicación da biomasa xa en funcionamento. O congreso prolongarase ata o mércores e a primeira xornada estivo dedicada a analizar a situación en Portugal. O debate trasladarase mañá ao contexto español e o último día realizaranse visitas ás instalacións de Ence, Finsa e a fábrica de pellets de Bastavales. O obxectivo último deste evento é consolidar un encontro que se celebre alternativamente en Galicia e Portugal para buscar sinerxías neste eido dentro da Eurorrexión.
Antonia Blanco, que estreou o seu novo cargo como vicerreitora do campus acudindo á inauguración deste congreso, sinalou dous factores que o fan exclusivo: “o seu compromiso coas enerxías renovables e o seu interese pola Eurorrexión para a transferencia do coñecemento científico que xera a universidade”. Destacou tamén a aposta da Universidade de Vigo polas enerxías limpas salientado que o de Pontevedra será o primeiro campus cun edificio calefactado con biomasa en referencia á nova gardería, que abrirá o vindeiro curso. Pola súa parte, o director da EUET Forestal, Luis Ortiz destacou a oportunidade que supón este evento para debater temas de actualidade, como o novo Plan de Enerxías Renovables ou a implantación dunha planta de biomasa na contorna de Ence.
En representación da parcería portuguesa falaron António Magalhães, alcalde de Guimarães, e José Carlos Fernandes Teixeira, profesor da Universidade do Minho. Magalhães destacou a colaboración habitual da cámara municipal que preside coa Universidade do Minho, “para facer das enerxías alternativas un piar da sustentabilidade ambiental”. No seu caso, Fernandes Teixeira subliñou a importancia do congreso, “posto que as oportunidades e desafíos do aproveitamento enerxético forestal son semellantes nos dous países”.

Maior poder calorífico do mato

Abriu as conferencias José Luís Lousada, profesor da Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro, que centrou a súa intervención nas propiedades termoquímicas de varias madeiras autóctonas e exóticas. Para poñer de manifesto a potencialidade da superficie forestal de Portugal, que ocupa un 60% de todo o territorio, subliñou a elevada dependencia enerxética do exterior na actualidade, xa que a enerxía consumida só procede nun 13% dos recursos propios. Apuntou a alternativa que supón neste senso a biomasa, pero quixo subliñar tamén a necesidade de xestionar ben os recursos, “pois as necesidades a curto prazo de materia forestal para o desenvolvemento do sector poden exercer demasiada presión sobre os recursos”. Engadiu que cómpre controlar a concentración desa presión en determinadas zonas, posto que a inexistencia de redes viarias para acceder a algúns montes fai que moita biomasa existente non teña viabilidade económica. Como garantir entón a sustentabilidade do bosque? A súa proposta é “mobilizar biomasa de fontes pouco exploradas, como poden ser as materias arbustivas”. A respecto disto, amosou os resultados dun estudo realizado na súa universidade sobre as propiedades termoquímicas de diferentes árbores e matogueiras. O estudo concluíu que o material que contén o maior poder calorífico é o mato autóctono, seguido das árbores resinosas e das exóticas. Pola contra, as árbores follosas nacionais son as menos rendibles neste senso.