DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Celso Cancela organiza a terceira edición dun curso enmarcado no Módulo Jean Monnet

Expertos analizarán no campus a posible viabilidade duns 'Estados Unidos de Europa'

A actividade, gratuíta, comezará o 10 de febreiro e prolongarase ata finais de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 05/02/2014

“Unha das consecuencias da crise económica e financeira é que os estados europeos estanse a ver arrastrados cara a unión política”, defende o profesor Celso Cancela, coordinador do curso The European Union toward de the political union. A federal and constitutional perspective, que botará a andar o vindeiro luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e no que se analizarán en detalle os avances en materia de unión bancaria, fiscal ou orzamentaria que chegaron á Unión Europea tralos rescates de países como Grecia ou Portugal e o camiño que queda por percorrer cara a consecución “dese vello ideal dos Estados Unidos de Europa" .

Contra ao que poida parecer, a crise non supuxo un retroceso no proxecto de integración europea, segundo o responsable do curso, unha actividade formativa gratuíta enmarcada no Módulo Jean Monnet. “A Unión Europea sempre avanzou a base de crises. En 1989 a caída do muro de Berlín e reunificación alemá foi unha situación crítica da que saíu o Tratado de Maastricht”, destaca. Agora, por mor da crise económica e financeira, “países como España víronse apoiados polos estados solventes da Unión”, destaca Cancela, que considera que este apoio trae consigo un novo paso cara esa integración de estados que “xa son interdependentes, aínda que non o percibamos”. Esa dependencia mutua sería precisamente o motivo polo que, ante os problemas económicos de Grecia, Portugal ou España, ao resto de estados "non lles quedase outro remedio que adoptar decisións comúns, cunhas implicacións políticas enormes. Xa non valían as solucións en clave nacional". Foi preciso acudir ao rescate desas economías, tralo que chegaron medidas como a implantación da figura dun supervisor bancario único ou a posibilidade de control que a Comisión Europea ten sobre a política orzamentaria dos estados membros, exemplos sintomáticos para este profesor de que “a unión política está cada vez máis cerca”.

Un curso para debater o futuro da UE

Estes avances e todo o relacionado co proceso de construción da Unión Europea abordaranse entre o 10 de febreiro e o 20 de marzo na terceira edición dunha actividade formativa que Cancela organiza no marco do módulo Jean Monnet, financiado pola Comisión Europea. “Búscase que sexa un curso aberto á interacción no que poidamos falar e debater”, engade o responsable dunha actividade que terá carácter gratuíto e para a que está aberto prazo de inscrición.

Dun total de 60 horas de duración, The European Union toward de the political union. A federal and constitutional perspective desenvolverase os luns e os xoves de 10.00 a 14.00 horas no seminario 14 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Na súa sesión inaugural intervirá Antonio Carlos Pereira, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e está previsto que en datas posteriores esta iniciativa conte coa presenza doutra serie de relatores cos que o alumnado poderá abordar o proceso de integración europea.