DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na EE de Telecomunicación do 5 ao 9 de xullo

Expertos dos cinco continentes debaterán no campus os últimos avances en cronobioloxía

A sociedade internacional desta disciplina celebra por primeira vez en España a súa reunión anual

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/06/2010
As diferentes patoloxías do sono, o traballo en quendas, o jet lag, a influencia dos biorritmos na personalidade das persoas, así como múltiples cuestións relacionados co ámbito cardiovascular (infartos, ictus, hipertensión)... son algúns exemplos das temáticas que abordará a 26 Conferencia da Sociedade Internacional de Cronobioloxía que se celebrará por primeira vez en España do 5 ao 9 de xullo. A cita será na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, baixo a coordinación do catedrático Ramón Hermida, director do Laboratorio de Cronobioloxía da Universidade e coordinador da Rede Hygia, un proxecto no que participan máis de 200 investigadores, incluíndo médicos e enfermeiros de máis de 30 centros médicos de Galicia.

Con máis de 200 relatorios aceptados, incluíndo 52 conferencias invitadas, o encontro reunirá na escola viguesa a maior parte dun selectivo grupo de expertos procedentes de toda Europa e países como Canadá, Estados Unidos, Brasil, México, India, China, Xapón... que porán en común os últimos avances dunha ciencia que ten como principal obxectivo estudar os ritmos biolóxicos, incidindo tanto na súa orixe coma nas súas características e implicacións. “A diferenza doutros congresos, onde son miles e miles de investigadores os que se reúnen, este ámbito é moito máis selectivo, xa que o número de especialistas nesta temática tan concreta é aínda pequeno”, subliña Hermida.

Das patoloxías do sono á cronobioloxía ambiental

A excepción do luns, o congreso desenvolverase integramente en inglés e, entre outros temas, trataranse diferentes cuestións relacionadas co ámbito cardiovascular: infartos, ictus, hipertensión arterial, así como outras cuestión relacionadas co risco vascular: enfermidade renal, diabetes, dislipidemias...

As diferentes patoloxías do sono, o traballo en quendas, o jet lag, a influencia dos biorritmos na personalidade das persoas, son outros dos temas que tamén se tratarán ao longo dos cinco días de duración do congreso. “Afondaremos nos problemas asociados a alteracións na personalidade para ver como se poden diagnosticar e logo tratar nas patoloxías asociadas á falta de sincronismo dalgunhas persoas”, subliña o coordinador do congreso.

Outro dos ámbitos fundamentais dentro do mundo da cronobioloxía e que terá tamén o seu oco no congreso é o envellecemento, asociado ao estudo de que factores do corpo humano se modifican co proceso do envellecemento e como iso nos pode servir para detectar precozmente diferentes patoloxías e mesmo para obter novos tratamentos que permitan mellorar a calidade de vida das persoas. Tamén terá oco dentro do programa a cronobioloxía ambiental, un tema asociado aos efectos que ten a luz, os campos magnéticos, as estacións do ano... e como iso inflúe á hora de que haxa picos estacionais sobre todo en patoloxías como depresión, suicidio ou mesmo o desenvolvemento de cancro.

Sede no campus da sociedade española desta disciplina

A xuntanza botará a andar o vindeiro luns cunha xornada que se desenvolverá integramente en castelán e que coincidirá coa constitución da Sociedade Española de Cronobioloxía Aplicada, Cronoterapia e Risco Vascular, recentemente rexistrada no Ministerio do Interior. A nova sociedade terá a súa sede na EE de Telecomunicación de Vigo o que, a xuízo do catedrático vigués, supón un “espaldarazo” a toda a actividade que se está a levar a cabo desde a Universidade neste eido, e un “aval máis” á Rede Hygia, que sigue ampliándose. “O noso grupo están marcando os tiros neste eido e isto é un recoñecemento a todo o traballo que se está a facer de xeito conxunto cos centros de atención primaria de toda Galicia”, engadiu o catedrático vigués.