DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Rede Galega de Conservación da Diversidade Biolóxica

Expertos na conservación de especies en perigo de extinción participarán en Vigo na I Xornada sobre Conservación da Diversidade Biolóxica

Celebrarase o 19 de setembro na Facultade de Bioloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 06/08/2008

O lince ibérico, a aguia imperial, o cervo ou a gacela son exemplos de especies cun risco inminente de desaparecer da península ibérica. Por este motivo, e por seren variedades autóctonas dos nosos bosques, serán as protagonistas da I Xornada sobre Conservación da Diversidade Biolóxica que terá lugar na Facultade de Bioloxía o vindeiro 19 de setembro.
Organizada pola Rede Galega de Conservación da Diversidade Biolóxica, Cons-Bio, a xuntanza ten como fin o fomento do debate e o intercambio de coñecementos no eido da conservación. Segundo explica o coordinador da Rede e organizador do evento, Armando Caballero Rúa, “invitamos ás conferencias a poñentes que traballan na conservación das especies bandeira e deixamos para as menos emblemáticas a sección de paneis, para que os grupos participantes expoñan os seus traballos”. Deste xeito, os expertos máis relevantes en conservación tratarán de facer un resumo da situación actual das especies nun total de seis conferencias que “esperamos non sexan moi técnicas, xa que queremos que a xornada estea aberta a todo tipo de público”, subliñou Caballero.

Expertos participantes

Esta iniciativa, que tivo unha gran aceptación entre os profesionais da conservación, pode presumir de contar con expertos moi recoñecidos a nivel nacional no seu programa de conferencias. Entre eles, Jose Antonio Godoy, científico do CSIC, falará sobre a xenética do quebraosos, a aguia imperial e o lince ibérico, tres das especies con máis risco de desaparición na península ibérica. Este investigador traballa na conservación do lince ibérico na Estación Biolóxica de Doñana e, en palabras de Caballero, “é unha das persoas que máis sabe sobre este felino”.
Carles Vilá, outro dos relatores invitados, conta cunha ampla experiencia en xenética evolutiva que o levou a publicar catro artigos na revista Science. Leva moitos anos traballando en Uppsala, Suecia, para o Departament of Evolutionary Biology, onde se especializou no estudo do lobo, a súa evolución e domesticación. Precisamente do lobo ibérico e a súa hibridación con cans tratará o relatorio que ofrecerá nesta xornada.
Ademais dos citados, Montserrat Gomendio, do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, falará sobre a conservación de cervos e gacelas e Pedro Javier Cordero, do Instituto de Investigación en Recursos Cinegéticos do UCLM, será o encargado de falar dos cernícalos.

Cons-Bio, punto de encontro para os investigadores

Creada ao abeiro da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Cons-Bio pretende ser un punto de encontro entre os grupos de investigación galegos e nacionais que traballan no eido da conservación da diversidade biolóxica.
A Rede, que conta na actualidade con dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, dous de Santiago e un da Coruña, prevé unha gran participación na xornada que axude a difusión das súas actividades e á futura incorporación de novos grupos. Para isto, aínda que limitada a 100 prazas, manterá aberta a inscrición ata o 12 de setembro a calquera persoa interesada en participar.