DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas en colaboración coa Cátedra da Infancia

Expertos en Dereito analizan en Vigo a situación dos menores ante a violencia de xénero

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 12/06/2009

No ano 2008 morreron en España 75 mulleres por violencia de xénero. No que vai de ano son xa 21 as mortes que se contabilizan por este delito no noso país e “pese ás medidas adoptadas para tentar resolver esta difícil situación a problemática mantense”, tal e como apuntou o profesor Pablo Grande Seara, director das xornadas Os menores ante a violencia de xénero que este venres se iniciaron na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Organizadas pola Área de Dereito Procesual da Universidade en colaboración coa Cátedra da Infancia, o vicerreitor de Relacións Institucionais e presidente da Comisión da Seguimento da cátedra, Iván Area, acudiu tamén á apertura das xornadas. Area destacou as diferentes actividades que dende a creación da cátedra no ano 2007 se teñen levado a cabo a prol da infancia, “desde diferentes exposicións, o deseño dun taboleiro electrónico ata o curso que hoxe nos convoca ou a xeración de diferentes recursos bibliográficos”.
A idea de organizar estas xornadas xurdiu a raíz dun proxecto de investigación “que nos foi concedido pola Cátedra da Infancia co obxecto de realizar un estudo dende un punto de vista xurídico sobre a incidencia da violencia de xénero nos menores e nos procesos civís de protección de menores”, explicou Grande Seara. O docente fixo tamén fincapé en que dada a relación deste tema co Curso de especialista e doutoramente sobre Menores en situación de desprotección e conflito social que se ben organizando na facultade dende fai cinco anos, “pareceunos axeitado facer coincidir estas xornadas co remate do curso”.

Vantaxes e dificultades á hora de aplicar a normativa

O obxectivo das xornadas é analizar desde unha perspectiva eminentemente práctica as vantaxes e as dificultades que xorden á hora de aplicar a normativa vixente de protección contra a violencia de xénero, particularmente, cando hai menores afectados.
Para conseguilo organizaron dúas xornadas, unha de corte máis teórico, que foi a que tivo lugar este venres, e outra, máis práctica, que terá lugar o venres 19.
Para esta primeira xornada teórica os responsables do curso organizaron diferentes relatorios impartidos por persoal da Universidade e neles abarcáronse tanto aspectos xurídicos como psicolóxicos.
O profesor Pablo Grande foi o encargado de impartir o primeiro relatorio, unha exposición de carácter introdutorio sobre cal foi a evolución da normativa de protección contra a violencia de xénero, xa que, tal e como subliñou, “o problema da violencia de xénero non é algo novo, senón que simplemente, está de máis actualidade”. Para recalcar esta idea lembrou como xa quen 1980 a II Conferencia Internacional da ONU sobre as mulleres declarou que “a violencia que se exerce contra as mulleres no ámbito da familia é o crime máis encuberto do mundo e destacou a necesidade de visibilizar publicamente esta problemática”.
No caso de España, o director das xornadas destacou como, “nos últimos anos se produciron avances significativos nesta materia, sobre todo, a partir do ano 99, coincidindo tamén coa escalada progresiva dos casos de violencia de xénero”. Ademais, lembrou que en Galicia tamén se aprobaron normas concretas para facer fronte a este problema.
Ao longo da tarde participaron tamén nas xornadas as profesoras, Esther González Pillado, que introduciu o tema dos diferentes ámbitos competenciais dos xulgados de violencia sobre a muller, e a catedrática de Psicoloxía Básica Francisca Fariña, que recalcou a necesidade nestes casos de intervir cos fillos.

O vindeiro venres mesa redonda con xuíces e fiscais

A xornada da vindeira semana consistirá nunha mesa redonda que levará por título Actuación da xustiza contra a violencia de xénero e nela participarán o maxistrado-xuíz do Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo, Manuel Alejandro Pereira; a fiscal sobre a violencia contra a muller de Pontevedra, Marisa Barges, e o maxistrado-xuíz do Xulgado de Familia Nº 12 de Vigo, Carlos Villarino. “Trátase de poder compartir impresións cos profesionais da xustiza, que son os que aplican diariamente esta leis”, afirmaba Pablo Grande, ao que Iván Area engadiu que se “trata dunha boa oportunidade para achegar ás aulas universitarias o que está a pasar fóra delas e á inversa”.
A cita será de novo a partir das 17.00 horas na sala de xuízos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.