DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de conferencias organizado polo Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet

Expertos en dereito debaten no campus sobre o proceso de constitucionalización da UE

Na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ata o 16 de abril

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/04/2008

No marco do Centro Europeo de Excelencia Jean Monnet da Universidade, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle ata o vindeiro 16 de abril un ciclo de conferencias sobre a Unión Europea. Financiado pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural da Comisión Europea, este ciclo de conferencias ten como obxectivo afondar no proceso de constitucionalización da Unión Europea a través de cinco conferencias impartidas por profesores e catedráticos de varias universidades.
O primeiro dos relatorios foi impartido este martes polo catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Navarra, Alberto Pérez Calvo que afondou no lugar que ocupan os estados no seo da Unión Europea. Segundo subliñou “asociarse implica unha serie de limitacións pero tamén unha serie de vantaxes pero a Unión Europea, que se vende como algo que sempre estivo aí, creouse da man dos estados”. Pérez Calvo salientou na súa intervención o importante papel dos países na posta en marcha da UE “xa que estes foron os que animaron as comunidades europeas en primeira instancia, os que lle deron alma e un sopro de vida”. Despois de facer un repaso polo proceso de creación da Unión Europea dende os seus inicios, o catedrático da Universidade de Navarra afondou na dobre lexitimidade dos actos da UE que emana, por unha banda dos estados membros e, por outra, do Parlamento Europeo.

O impacto da UE nos estados

Segundo explicou Alberto Pérez Calvo, “a Unión Europea é unha asociación de estados e a influencia que vai ter nos estados depende da natureza xurídica da mesma”. No que se refire ás vantaxes para os membros, o relator subliñou que os pequenos mercados dos estados poden acadar un ámbito espacial que os leve a un mercado único e a unha economía que medra “dando lugar a un benestar que se converte nun referente para os estados que non son membros en temas como estabilidade, democracia ou economía”. Pero esta asociación de estados tamén ten contrapartidas e “os membros teñen que pagar un cota e perde a capacidade de decidir unilateralmente sobre materias concretas como pode o caso da agricultura”.
A natureza xurídica da Unión Europea centrou tamén boa parte da conferencia afondando nas relacións entre o ordenamento xurídico comunitario e os ordenamentos internos en cada país como a posible contradición entre a primacía do dereito comunitario e a supremacía da constitución interna de cada estado. Para rematar, Pérez Calvo referiuse ao Tratado de Lisboa e ás modificacións que propón e salientou que é “inseparable do que no seu momento se chamou Constitución Europea”. Entre as dificultades para facer unha constitución da UE destacou o problema da soberanía e no que se refire ao Tratado de Lisboa enumerou varias das súas virtudes, como o mantemento da vía do tratado fronte á constitución, a claridade sobre a natureza da UE, o respecto ás constitucións internas, a distribución de competencias ou a codecisión completa.

Catro conferencias máis ata o 16 de abril

Despois da inauguración desta xornada da man de Alberto Pérez, este mércores 2 de abril será o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña, Javier Ruipérez, o encargado de expor nun relatorio a relación entre soberanía e Unión Europea. O relatorio terá lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ás 10.30 horas.
Xa a vindeira semana, o día 8 de abril ás 14.00 h, celebrarase outra conferencia, desta volta sobre o proceso de integración da sociedade civil na Unión Europea, da man de Almudena Bergareche, profesora titular de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo. Ao día seguinte, o 9 de abril, este ciclo traerá á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ao catedrático de Dereito Constitucional da USC, Roberto Blanco Valdés. A partir das 10.30 horas afondará no eido da participación e a democracia representativa na UE. O punto final ás conferencias porao a profesora de Dereito Constitucional da UVigo e organizadora desta actividade, Noemí García Gestoso. A súa conferencia terá lugar o mércores 16 de abril ás 12.30 e versará sobre o Tratado de Lisboa como unha saída á crise constitucional na Unión Europea.