DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A crise económica estivo presente na maior parte das intervencións

Expertos en Dereito do Traballo reúnense na Casa das Campás nun seminario internacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 26/05/2009

A actual crise económica pon en xaque moitas das bases do sistema e unha delas son as políticas sociais e de emprego no ámbito comunitario. Para abordar este tema en profundidades as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, ao abeiro do posgrao en Xestión e dirección laboral e coa colaboración do Ministerio de Ciencia e Innovación, organizaron o Seminario Internacional de Derecho del Trabajo que hoxe truxo a Pontevedra a un destacado número de expertos europeos de recoñecido prestixio neste ámbito.
Stefano Bellomo, da Universidad de Perugia; Gianni Loy, de Cagliari; Antonio José Moreira, das Universidades Luísada; ou Philippe Martin, investigador e membro do Centro de Dereito Comparado e da Seguridade Social da Universidad de Burdeos, son algúns dos participantes que fixeron as súas achegas ao tema.
Stefano Bellomo, catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Perugia, abriu o programa cunha exposición da evolución da política lexislativa italiana en materia de subsidios de desemprego. Bellomo explicou que tradicionalmente o sistema italiano “de carácter estratificado daba prevalencia ao sector industrial”, dedicándolle a maior parte dos fondos a este aspecto. Co paso dos anos, este modelo quedou anacrónico “pola redución do peso do sector industrial e o aumento dos servizos” e púxose de manifesto a necesidade dun cambio. Bellomo desgranou o funcionamento dalgúns modelos alternativos como o primeiro experimentado no sector bancario e de seguros, que “a partir do 2000, polas fusións bancarias atopouse cun problema de excedente de persoal”. Xa coa crise enriba, os lexisladores italianos puxeron en marcha o novo modelo “que non deixa o horizonte moi despexado” e bate de fronte co impulso que a Unión Europea quere darlle á súa filosofía de recolocación e recualificación dos desempregados.

Esperanzas e desilusións

Ilusións e desilusións guiaron a intervención de Gianni Loy, catedrático da Universidad de Cagliari. Loy comezou recordando que o nacemento da Unión Europea foi grazas “a unha perspectiva económica e non social” e que é o tema económico “o único que nos pode levar a entrar no problema social”. No mesmo Tratado da Unión ponse de manifesto esta prevalencia e de feito “só ofrece unha lexislación xeral en materia de dereitos sociais” e deixa en man dos gobernos estatais o xeito de aplicalos. O experto da Universidad de Cagliari confesou que o seu rol é o “atopar unha medida para apoiar os traballadores, de hoxe e do futuro, sen destruír o mercado” e sinalou esta fase de crise como “unha oportunidade para decatarse de que a flexibilidade laboral non é a vía para reducir o número de desempregados”.
Para poñer fin á sesión de mañá, o catedrático Antonio José Moreira amosou as aportacións do novo código de traballo portugués, mentres que Philippe Martin, da Universidad de Burdeos ofreceu un relatorio baixo o título Flexiseguridad y modernización del mercado de trabajo.

"Workshops" na sesión de tarde

O seminario continúa esta tarde coa celebración de diferentes workshops que inciden en aspectos como a Diretiva 79/7 e a igualdade na Seguridade Social do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jaime Cabeza; a libre circulación de traballadores, da man da profesora da Universidade de Vigo Marta Fernández Prieto; ou a dimensión do ordenamento comunitario da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a cargo de Emma Rodríguez.