DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 4º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics

Expertos en economía do cambio climático debateran na Toxa as posibilidades dunha reforma fiscal verde

A Fundación Pedro Barrié de La Maza súmase ao grupo Rede na organización do encontro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/07/2010

Nun intre caracterizado por unha difícil situación económica a nivel mundial e dada as numerosas diferenzas entre a fiscalidade ambiental existente en España e noutros países do seu entorno, prestixiosos investigadores e economistas de variadas procedencias internacionais daranse cita este xoves e venres na Toxa no 4º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics centrado nesta ocasión na reforma fiscal verde.

En pleno debate sobre as posibles modificacións tributarias a nivel español, o encontro suma este ano a achega de dous novos centros que se unen ao grupo Rede na organización do encontro, a Fundación Pedro Barrié de la Maza e o recentemente creado centro de investigación Economics for Energy. “É unha noticia excelente porque incorporamos unha institución de enorme prestixio nos estudos de economía como é a Fundación Barrié e tamén porque a suma destas dúas entidades garante a súa continuidade no futuro”, explica o director do encontro, o profesor Xavier Labandeira, ao tempo que insistiu en que esta cita bianual que botou a andar no 2004 “é xa un evento consolidado e prestixioso a nivel internacional”.

Máis impostos para os máis contaminantes

O encontro, concibido coma unha reunión a pequena escala e afastado do ambiente dos macrocongresos, reunirá arredor de 40 participantes, moitos deles investigadores pero tamén profesionais da empresa, así como de diferentes institucións e da administración, xa que o que se busca é a creación de debate en torno a un tema cada vez máis presente nas axendas dos diferentes gobernos: a necesidade de gravar fiscalmente as actividades humanas desencadenantes do cambio climático como forma de mitigar o proceso e adaptar a sociedade a esta circunstancia.

Como contrapartida e en compensación a este esforzo fiscal por parte dos consumidores, a medida podería acompañarse dunha redución de impostos sobre cuestións que en si non producen efectos negativos para o ecosistema, explicou o catedrático vigués, un dos 831 especialistas que participarán na elaboración do quinto informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU, un documento vital para o establecemento de futuras medidas que axuden a mitigar este problema, e que se agarda estea rematado no ano 2014.

Entre os participantes a esta 4ª edición do workshop están investigadores da talla de Michael Hanemann da University of California, Berkeley; Agnar Sandmo da Norwegian School of Economics ou Frank Convery do University College Dublin.