DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso de Patrimonio Etnográfico

Expertos no entroido analizarán as distintas manifestacións desta tradición en Ourense

Dende o 16 ao 20 de febreiro no campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 15/01/2009

O entroido é sen dúbida a festa por excelencia da provincia ourensá, sen embargo as manifestacións máis coñecidas son tan só unha pequena mostra de todos os eventos que teñen lugar durante o mes de febreiro en relación con esta celebración. O III Congreso de Patrimonio Etnográfico, que terá lugar no campus do 16 ao 20 de febreiro, está dedicado este ano a O ciclo do entroido: de práctica social comunitaria a obxecto de estudo etnolóxico e servirá para dar a coñecer “as distintas tradicións da provincia e dos seus arredores, o norte de Portugal, o Bierzo e o sur de Lugo”, explicou Xosé Manuel Cid, vicedecano de Ciencias da Educación e coordinador das xornadas.
Na actualidade está a adquirir moita relevancia o patrimonio inmaterial e etnográfico da nosa comunidade e este congreso é unha nova mostra disto, “dende o punto de vista investigador as tres universidades galegas, xunto con outras institucións, traballan no proxecto Ronsel que asume a posta en valor deste patrimonio”, indicou Cid.
Pola súa banda, Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, destacou “o compromiso que a Universidade de Vigo mantén con estas iniciativas”. Na súa opinión “as xornadas non só servirán para por en valor este patrimonio senón que tamén contribuirán a poñer en común puntos de vista entre os diferentes investigadores”.

Programación das xornadas

O congreso fará un percorrido “por distintas comarcas da provincia de Ourense abordando os distintos ámbitos do entroido” da man dos “principais expertos na materia”, explicou Cid. Ademais da parte teórica e conceptual tamén haberá presenza de “portadores do entroido e representantes dos distintos concellos e comarcas que organizan esta festa” que participarán nas mesas redondas programadas para o final de cada xornada. Para completar as actividades destes cinco días de congreso inclúense “saídas de estudo como a do xoves 16 a Verín e a do venres nos barrios urbanos de Ourense”.
Para Cid, este ciclo de conferencias ten unha dobre función, “ademais do acto congresual, serve de curso de formación de profesorado, xa que é importante que os docentes incorporen no seu traballo de aula elementos do patrimonio galego”. Gálvez amosou o seu acordo co vicedecano “porque nos colexios e universidades non só hai que aprender as materias típicas senón que a ensinanza destas tradicións culturais é fundamental para que se manteñan no tempo”. Grazas a este congreso “xerarase material que poderá ser integrado no labor educativo dos docentes”, concluíu o vicerreitor.

As caras do entroido

Polas mesmas datas de celebración do congreso aparecerá nas librerías a publicación As caras do entroido ourensán, un libro da Deputación Provincial de Ourense, no que “participan 15 coautores, especialistas en diferentes zonas nas que o entroido ten unha notable presenza”, explicou Rogelio Martínez, vicepresidente da deputación. Esta obra, da que se van a editar 2000 exemplares, “contemplará toda a diversidade que ofrece a nosa provincia durante esta época festiva”.
Segundo Xosé Antón Fidalgo Santamariña, coordinador da publicación e profesor da Facultade de Ciencias da Educación, “este libro, xunto co congreso, completa un ciclo de coñecemento do entroido nas súas distintas manifestacións”. A obra, que está deseñada en espiral “partindo de Ourense como eixo e percorrendo os arredores”, fai unha viaxe polas celebracións de O Carballiño, Arnoia, O Ribeiro, Allariz, Celanova, Verín, Monterrei, Frieiras, Trives, Valdeorras e polos carnavais periféricos de Lugo, Zamora, León e Portugal. Ata o de agora, “non existía ningunha publicación que recollese un traballo en conxunto sobre esta temática”, concluíu Fidalgo.

Modo de inscrición

O congreso conta con 200 prazas para formación de profesorado, das cales 140 serán para docentes dos distintos niveis de ensino: infantil, primaria e secundaria e 60 prazas están reservadas para titulados en demanda de emprego no sector educativo. A cota de inscrición é de 10 euros ata o 31 de xaneiro e de 20 euros a partir do día 1 de febreiro, estes prezos inclúen o desprazamento en autobús na saída a Verín. A matrícula formalizarase presentando o boletín cuberto acompañado do xustificante de pagamento na secretaría técnica da Facultade de Ciencias da Educación do campus.