DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións do 3 ao 5 de novembro

Expertos en estatística botarán man dos números para predicir a fin da crise económica

O programa do simposio toca todos os ámbitos nos que a disciplina ten presenza

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 31/10/2011

Botando man dos indicadores económicos e de emprego en España e Galicia, podese saber cando rematará a crise financeira? Esta é unha das pregunta que se abordarán no X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que se celebrará do 3 ao 5 de novembro por primeira vez en Pontevedra, recollendo o testemuño da última edición realizada en Ourense. Organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, SGAPEIO, e polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo, este encontro nace co obxectivo de consolidar e divulgar os avances e aplicacións da área entre as empresas, comunidade científica e sociedade.

Durante tres días, os máis de 80 investigadores, docentes, estudantes e profesionais interesados nesta disciplina aproveitarán este encontro para intercambiar coñecementos e experiencias, ademais de buscar futuras colaboracións. Seis conferencias, tres obradoiros, unha mesa redonda e 50 comunicacións conforman o programa dun congreso “pioneiro en tentar xuntar a todos os eidos interesados na materia: educación, formación, investigación, saúde, economía...”, explica a profesora María del Carmen Iglesias presidenta do comité organizador.

Tal como salienta a profesora Iglesias, un dos actos principais do encontro será a mesa redonda “Estatística e crise económica”, moderada polo profesor Antonio Vaamonde e na que expertos do BBVA, do Banco de España e do Instituto Galego de Estatística (IGE) debaterán, entre outros temas, sobre a utilidade e fiabilidade dos indicadores estatísticos que manexan os economistas cando estudan as causas e consecuencias da crise financeira.

A estatística dende a ciencia e a docencia

Outro dos eixos importantes do congreso é o campo da docencia, “de aí que se invitara a participar aos profesores de secundaria interesados no tema”. Dúas conferencias plenarias, Escuela 2.0 Nuevos usos didácticos de las TIC, e La estadística en la enseñanza secundaria en Europa y en el bachillerato internacional, tratarán de extender a disciplina ao profesorado de ensinanza secundaria. O aspecto divulgativo tamén será tratado nos relatorios La matemática discreta y el intercambio de riñones, O abc da estatística espacial e Modelos lineales generalizados mixtos: algunos casos prácticos, “achegando atractivas aplicacións prácticas de técnicas ben coñecidas no mundo científico pero cun uso que cómpre xeneralizar”. No campo da investigación científica, o simposio contará coa presenza do profesor Daniel Yekutieli, da Universidade de Tel Aviv, “experto mundial no multiple testing, un tema de actualidade en estatística do que falará na súa conferencia”, apunta Iglesias.

Así mesmo, o programa inclúe a celebración de tres obradoiros prácticos orientados a proporcionar ferramentas de utilidade na docencia da estatística. Afondarase no uso de LaTeX e Beamer, no R-excel, no tratamento da información con follas de cálculo e no deseño e elaboración de enquisas con Google Forms, “técnicas que deben divulgarse entre a sociedade”, conclúe a profesora.