DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

Expertos en estatística reúnense por primeira vez en Pontevedra

Atópase aberto o período de envío de comunicacións ata o vindeiro 16 de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 27/07/2011

Consolidar e divulgar os métodos da aplicación da estatística na investigación, na docencia e na sociedade en xeral na comunidade autónoma de Galicia é o obxectivo do X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que tras celebrarse hai dous anos en Ourense, tócalle a quenda ao campus de Pontevedra, que o acollerá por primeira vez os días 3, 4 e 5 de novembro no Pazo de Congresos da cidade. Organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, SGAPEIO, e polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo, este congreso continuará co labor desenvolvido nos anos anteriores, “facilitando o intercambio de coñecemento e experiencias entre profesionais, docentes, investigadores e estudantes interesados nesta disciplina”, explica a profesora María del Carmen Iglesias, presidenta do Comité Organizador.

Durante tres días, Pontevedra converterase na sede que reunirá á maioría dos expertos relacionadas coa estatística e coa investigación de operacións do ámbito galego, contando cunha importante presenza de investigadores do norte de Portugal e doutros puntos de España. Como apunta a profesora Iglesias, “estamos ante un congreso pioneiro en tentar xuntar a todos os eidos interesados na materia, tanto dende a formación, a educación, a investigación, a saúde, a economía ou dende as estatísticas oficiais como o Instituto Galego de Estatística”. Destaca ademais “o bo nivel académico” do simposio, avalado “polo recoñecemento internacional dos grupos de investigación das universidades galegas”.

Trátase en definitiva de crear, cunha periocidade bianual, un foro de reunión que permita o intercambio de ideas entre os diferentes profesionais de estatística e da investigación operativa, “dando a coñecer os avances científicos e aplicacións da área entre as empresas, a comunidade científica e a sociedade”, subliña a profesora coordinadora.

Conferencias, mesas redondas e obradoiros

O congreso mantén a estrutura de anos anteriores con conferencias plenarias, mesas redondas e sesións de comunicacións, cunha estimación de 150 participantes. O Comité Organizador salienta en primeiro as conferencias sobre educación de Antonio Pérez Sanz, en representación do Ministerio de Educación, titulada Escuela 2.0. Nuevos usos didácticos de las TIC ou a dos profesores Carla Moreira, Rafael Romero e Francisco López cunha intervención sobre A estatística na secundaria en Europa e no bacherelato internacional; a nivel teórico as ponencias de Jordi Massó, da Universidade Autónoma de Barcelona ou a de Rosa Crujeiras, da Universidade de Santiago, cun relatorio titulado El ABC de la Estadística Espacial, mentres que cunha visión máis técnica participará o profesor Mark J. van der Laan, da Universidade de California, quen falará sobre o targeted learning.

Unha parte importante do congreso é a oferta de tres obradoiros prácticos orientados cara o uso profesional e docente de software estatístico, afondando no uso de LaTeX e Beamer, no R-excel e no deseño e elaboración de enquisas con Google Forms, ademais do tratamento da información con follas de cálculo.

Ata o 16 de setembro todos os membros da comunidade universitaria interesados poderán mandar os seus traballos e comunicacións sobre a estatística e a investigación de operacións, participando de maneira activa no simposio. Para máis información pódese visitar a páxina web do congreso, ou ben consultar calquera dúbida a través do correo electrónico xsgapeio@uvigo.es.