DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Forman parte de ECETIS, un proxecto financiado pola UE con máis de 300.000 euros

Expertos europeos deseñan unha estratexia común para avaliar as competencias profesionas do sector sociosanitario

A Universidade de Vigo participa como socia experta do consorcio

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/07/2012
Un grupo de expertos de oito institucións de Francia, a República Checa, Italia e España reúnense estes días en Vigo nunha xuntanza de traballo do Proxecto ECETIS, un programa financiado pola Unión Europea con máis de 300.000 euros para formar especialistas capaces de avaliar competencias comúns nun sector tan clave para a sociedade como é o sociosanitario. Habida conta do constante incremento de profesionais sociosanitarios que se desprazan duns países a outros e das diferentes titulacións impartidas en cada un dos países da Unión Europea, tanto universitarias como de Formación Profesional, xurde a necesidade de harmonizar estratexias e ferramentas para o espazo europeo, así como de formar profesionais especializados capaces de avaliar competencias comúns.

A Universidade de Vigo participa no proxecto como socia experta do consorcio e achega a súa experiencia e coñecemento no desenvolvemento das ferramentas comúns de avaliación de competencias dos profesionais sociosanitarios e, ademais, lidera e ten a responsabilidade de levar a cabo o seguimento e unificación de criterios dos diferentes paquetes de traballo que compoñen actualmente o proxecto.

Os profesores do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa José Mª Faílde e Miguel Ángel Vázquez coordinan este labor, tarefa para a que contan coa colaboración da Vicerreitoría de Relacións Internacionais, desde onde se está a traballar desde diferentes campos para establecer redes internacionais orientadas ao fomento da docencia “co que se facilita que os estándares de calidade da nosa institución se equiparen cos das institucións máis prestixiosas de Europa”, subliñou o vicerreitor Manuel Fernández Iglesias, durante o encontro mantido cos asistentes a xuntanza.

O sociosanitario é un dos principais sectores creadores de emprego

O sociosanitario é un dos principais sectores creadores de emprego en España e en Europa e, polo tanto, obxectivo clave dos proxectos da Comisión Europea que, consciente da necesidade de facer unha base común que permita avaliar as competencias e prácticas profesionais destes traballadores puxo en marcha en setembro do pasado este proxecto, financiado a través do Programa Leonardo Transfer of Innovation 2011 e liderado pola entidade francesa sen ánimo de lucro ANFH, Asociación Francesa para a Formación Hospitalaria, representada en Vigo por Denis Costes, responsable do proxecto.

“No sector sociosanitario a maior parte dos traballos son prestados persoa a persoa, o que supón a necesidade de moita man de obra”, apunta Vázquez, que explica tamén que o incremento da poboación maior e a prevalencia notable de situacións de dependencias graves nas persoas maiores fai que cada vez sexa máis preciso “harmonizar estratexias e ferramentas en toda Europa”.

A pesares de que algúns países xa desenvolveron as súas propias directrices, aínda non se producira ningún intento de avaliar a formación dos avaliadores, algo que se fai cada vez máis preciso para que os procesos de selección de persoal se leven a cabo de xeito eficiente. “O consorcio ten xa moi avanzadas as ferramentas de avaliación e os contidos das accións formativas para a capacitación dos avaliadores de competencias profesionais”, subliñou ao inicio da xuntanza Miguel Ángel Vázquez, quen explicou que os obxectivos da xuntanza de Vigo se refiren á validación das competencias comúns para Europa, á preparación dos contidos da formación requirida para os avaliadores da competencia e á valoración das ferramentas de difusión dos resultados do proxecto “sen esquecerme tampouco das cuestións relativas á actualización dos diferentes espazos web”, engadiu.

Un proxecto con matriz española

Ademais da Universidade de Vigo desde España participa tamén a Universidad Nacional de Educación a Distancia, UNED, asesora técnica do proxecto para o deseño do repertorio de competencias, xa que dende esta institución se desenvolveu unha ferramenta que é propiedade do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais –actualmente Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade- para a avaliación de competencias dos profesionais do sector sociosanitario en España. “Esta é a matriz que desenvolvemos como documento de transferencia de innovación e coñecemento”, subliña Miguél Ángel Vázquez, que explica que a UNED está representada na xuntanza por Marta Ruiz Corbella, ex-decana da Facultade de Ciencias da Educación.