DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de 2 millóns de euros pretende obter calor a partir de biomasa

Expertos europeos reúnense no campus para facer o seguimento do proxecto DOMOHEAT

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 30/06/2008

Co obxectivo de avaliar os resultados acadados e orientar as novas actividades previstas, representantes das institucións e empresas integradas no proxecto DOMOHEAT, centrado na obtención de calor doméstico mediante caldeiras de biomasa, celebraron este luns a súa reunión semestral no Edificio Miralles.
Cun orzamento de 2 millóns de euros e unha duración de catro anos, o proxecto, que se iniciou en marzo do 2007, “ten xa cuberto o 25% do contido”, tal como explica a súa coordinadora, Margarita Salve, que engade que “aínda nos quedan moitas tarefas por diante, pero a coordinación e o traballo do grupo está a ser moi positivo”.
En representación do 7º Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento da Comisión Europea, José Riesgo Villanueva explicou que “a Unión Europea está dedicando moito esforzo a potenciar as fontes de enerxía renovables, e Galicia ten un potencial importante no que a biomasa se refire”. Este feito converte ao Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade, formado por investigadores da EUET Forestal e da ETSE Industrial, nun dos socios máis destacados do proxecto. Ademais, “a nosa comunidade segue sendo obxectivo prioritario por parte da UE, o que nos permite captar fondos de apoio institucional”, apunta Luis Ortiz, membro do grupo e director da ETSE Industrial.

DOMOHEAT

Encadrado no Programa Marco Europeo de I+D, o proxecto DOMOHEAT ten como obxectivo “avaliar o comportamento de diferentes biomasas de orixe mediterráneo e sur-europeo en caldeiras de tecnoloxía centroeuropea, principalmente alemana e austríaca”, tal como apunta J. Luís Míguez, membro de grupo e director da área de Novos Proxectos.
O reto consiste en lograr que máquinas de gran nivel, que traballan coas biomasas normativas, funcionen tamén con combustibles de mediana ou baixa calidade como pode ser o serrín, a poda da oliva ou os residuos da industria forestal e madeireira. “Isto implica dificultades de adaptación polas dúas partes”, segundo Salve, que engade que “ ao mesmo tempo que hai que pór a punto a tecnoloxía para que traballe na área mediterránea, temos que conseguir que as nosas biomasas dean o máximo rendemento en caldeiras de tecnoloxía centroeuropea”.

Compromiso co medio ambiente

A novidade de DOMOHEAT reside no desenvolvemento de tecnoloxías propias de combustión que contribúan a extender o mercado de biocombustibles. A finalidade é complementar o uso excesivo de combustibles derivados do petróleo que se empregan na produción de calefacción e de auga quente sanitaria. “Buscamos unha tecnoloxía forte e accesible para todos que nos permita buscar solucións aos problemas medioambientais de Europa”, segundo palabras de Riesgo.

Un proxecto a nivel europeo

Para investigar as vantaxes e os inconvintes do uso dos trinta combustibles biomásicos contemplados no proxecto, colaboran coa Universidade as empresas privadas KWB, con sede en Austria; ISIS, radicada en Italia; HC Enxeñería e a consultora ESCAN, que coordina as actividades. Ademais, participa o EREN (Ente Rexional da Enerxía de Castela e León), e a Axencia Nacional da Enerxía de Grecia.