DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas sobre crítica e investigación que se celebrarán no campus de Vigo en maio

Expertos internacionais analizarán a presenza dos diferentes tipos de familia na literatura infantil e xuvenil

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/04/2012
A literatura infantil e xuvenil non é allea aos cambios sociais da contorna e os novos modelos de familia comezan a facerse un oco nos libros para menores, nos que asoman xa temáticas homosexuais, os novos papeis de avós e avoas ou as estruturas monoparentais. E é que os libros para nenos e adolescentes van máis aló dos contos tradicionais e reproducen a realidade actual, diferentes modelos familiares, novos roles e tamén novos conflitos, pero sempre coa familia como elemento aglutinador, máis aínda en tempos de crise. Estes cambios fan que os expertos consideren "necesario e imprescindible" facer unha reflexión conxunta e unha análise en profundidade das creacións literarias para menores, unhas idades nas que se forxan os lectores do futuro. Analizar a traslación desta realidade á escrita é o obxectivo das Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que nesta edición se centran no papel da familia neste tipo de obras, baixo a coordinación da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ) e a Asociación galego portuguesa de investigación e literatura Infantil e Xuvenil.

Entre os días 10 e 11 de maio daranse cita na Facultade de Filoloxía e Tradución especialistas de toda España e ademais de expertos de Portugal, Brasil, Estados Unidos, Italia e Alemaña. Estas xornadas están pensadas tanto para investigadores e estudantes relacionados con este eido como para mestres, bibliotecarios e “todos aqueles interesados neste campo e mediadores entre o libro e a lectura”, segundo explica Veljka Ruzicka Kenfel, vicepresidenta de ANILIJ.

Cambios na representación da familia

En anteriores congresos de ANILIJ os investigadores reflexionaron sobre a presenza de diferentes temas como os conflitos bélicos, o humor, a identidade, a multiculturalidade ou os mundos imaxinarios na literatura infantil e xuvenil. Pero as obras para este tipo de público comezaron a reflectir nos seus contidos os novos modelos de familia, como as monoparentais ou as homoparentais e tamén novos conflitos familiares. Segundo apunta Veljka Ruzicka, “nun contexto de crise a familia presentase como un elemento aglutinador, convértese nun piar importante e o que queremos é ver como esas temáticas se reflicten na literatura para nenos e adolescentes”.

En concreto, nestas xornadas abarcaranse tanto os tipos de familia na literatura como a construción de xénero, a familia nos contos clásicos, a educación a través da familia, a interculturalidade, a presenza ou ausencia de proxenitores ou a tradución dos roles familiares, no tocante ás diferenzas entre culturas e consecuencias para o transvase interlingüístico. Tras as xornadas elaborarase e editarase unha monografía que recolla todas estas reflexións dende diversas perspectivas e metodoloxías.

A literatura, unha fiestra ao mundo

Segundo explica Veljka Ruzicka, a literatura infantil e xuvenil é “fundamental” para o desenvolvemento de nenos, nenas e adolescentes “respecto á súa competencia lectora, literaria e sociocultural”. Para eles a literatura “supón unha fiestra ao mundo, o porto seguro no que o neno se refuxia dos seus medos á vez que os enfronta, todo un catálogo de sentimentos e actitudes ante a vida, un lugar de aprendizaxe continuo onde valores e contravalores saen a escena axudándolle a crecer”, incide a presidenta de ANILIJ. Por isto, dende a asociación consideran que é necesario afondar nas creacións literarias para estas idades, “porque con bos libros creamos hábitos lectores dende as idades máis temperás, con libros de pouco valor literario, aburridos e sen ningunha mensaxe, probablemente perdemos moitos potenciais lectores”, conclúe a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución.

O prazo de matrícula nas xornadas permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de maio para os asistentes e ata o 30 de abril para os ponentes.