DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IV Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización, do 13 de outubro ao 4 de novembro

Expertos internacionais analizarán a situación das micromigracións

Organizado pola Área de Historia de América co respaldo da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta d

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 08/10/2010
Expertos nacionais e internacionais daranse cita no campus de Ourense para analizar a situación das micromigracións a nivel mundial no IV Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización, “un dos máis importantes de España que se celebra sobre esta temática, o que é un sinal de prestixio” afirma Carlos Sixirei, un dos directores do curso xunto con Xosé Ramón Campos.

Segundo o define Sixirei, “trátase dun encontro con certo aire monográfico, aberto a todos os ciclos históricos xa que se pretende facer un repaso das migracións historicamente e non soamente centrado nas contemporáneas”. Ademais, a temática principal dos relatorios xirará ao redor das micromigracións, “nas que se inclúen varios tipos como as migracións dos deportistas, os militares, as relacionadas co exilio, ou ben as migracións de carácter rexional” explica o co-director do encontro.

Despois do éxito acadado nas anteriores edicións, nas que se rexistraron ata 150 matriculados, este programa consolídase coa celebración da súa cuarta edición. Nesta ocasión, o número de prazas ofertadas viuse reducido a 70, das que 50 xa están ocupadas “o que confirma o nivel de expectación que xera este encontro, sobre todo entre o alumnado do ámbito de humanidades” afirma satisfeito Sixirei.

O encontro, que terá todos os mércores e xoves dende o 13 de outubro ata o 4 de novembro no Edificio de Ferro, está organizado pola Área de Historia de América co respaldo da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, así como da Facultade de Historia e o Departamento de Historia, Arte e Xeografía.

Conferencias e relatores destacados

Dende Brasil, Uruguai, Arxentina ou Portugal, así como de numerosas universidades españolas, diversos expertos analizarán ao longo de oito xornadas a situación dos fluxos migratorios relacionados co ámbito deportivo, a influenza da crise económica e a globalización, as políticas públicas desenvolvidas neste eido e se exporán algúns casos a través de testemuñas orais por parte dos relatores. “A riqueza temática do encontro contribúe a informar ao alumnado sobre as múltiples liñas de investigación que se están a desenvolver neste campo” sinala Sixirei.

A conferencia inaugural do encontro correrá a cargo do profesor da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Juan Marchena, que impartirá o relatorio Migracións forzosas: O Exército colonial en América. 1750-1820. Soldados e oficiais galegos en Ultramar. Ademais, no programa do encontro tamén figuran recoñecidos investigadores nacionais como Concepción Navarro, da Universidade Complutense de Madrid ou José Manuel Santos, da Universidade de Salamanca, así como numerosos expertos da Universidade de Vigo entre os que se atopan os dous directores do encontro e os profesores Xulio Prada, Elena de Uña e Milagros Cavada. Todos eles falarán sobre fluxos migratorios desenvolvidos en distintos momentos históricos como a migración entre España e América, o exilio galego na Guerra Civil ou o proceso migratorio na Gallaecia romana.

Como colofón, Sixirei salienta a participación do director do diario arxentino Página 12, Horacio Verbitsky, que será o encargado de clausurar o encontro co relatorio Arxentina, unha política de portas abertas.

Inscrición e matrícula

O prazo de inscrición no IV Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización rematará o vindeiro 10 de outubro e as prazas asignaranse por rigoroso orde de inscrición. Para formalizar a matrícula, gratuíta, os interesados deberán enviar un correo electrónico ao enderezo migracionsglobalizacion2010@gmail.com, facendo constar o seu nome e apelidos, DNI, enderezo postas, e-mail, teléfono e estudos a cursar. O alumnado da Universidade recibirá dous créditos de libre configuración e un diploma de asistencia ao finalizar o encontro.