DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por AIETI, celebrarase entre o 15 e 17 de outubro

Expertos internacionais analizarán en Vigo o papel da tradución e da interpretación no contexto das fronteiras

Centrándose na aplicación da investigación á docencia neste campo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/10/2009
As fronteiras poden ser unha arma de dobre fío que, no lugar de unir, en moitos casos separan e fan que os habitantes dun e outro lado vivan de costas. Por ese motivo, e debido á proximidade con Portugal, o congreso da Asociación Ibérica de Estudio de Traducción e Interpretación, AIETI, que se celebrará en Vigo entre o 15 e o 17 de outubro farao baixo o epígrafe Traducir na fronteira.
Segundo explica a súa coordinadora e profesora do Departamento de Tradución e Lingüística, Susana Cruces, “esta é a primeira vez que este congreso está tan preto do país veciño, queremos achegarnos a Portugal e derribar barreiras que nos separan”. O simposio reunirá en Vigo a 87 expertos e investigadores, a maior parte deles de España e Portugal “pero tamén contaremos coa presenza de prestixiosos investigadores de Arxentina, Estados Unidos, Reino Unido, India, Brasil ou Italia”.
O obxectivo principal deste simposio é fomentar a reflexión e a posta en común, a investigación e a docencia nos campos da tradución e da interpretación e o seu impacto social e cultural. Por outra banda, explica a coordinadora, “tenta promover e difundir estes estudos de tradución e interpretación tanto entre a sociedade como noutros países nos que aínda carecen de recoñecemento, como é caso de Portugal, onde apenas están regrados”. Paralelamente trátase de estimular unha mellora tanto na formación como na práctica profesional da tradución e da interpretación.
Entre os obxectivos do congreso, a coordinadora destaca a “aplicación da investigación na docencia, para mellorar a aprendizaxe, a práctica e formar mellores profesionais, cada vez máis competentes, máis adaptados ás novas ferramentas, máis conscientes do que supón o seu traballo”. Trátase de mellorar as competencias da tradución e, sobre todo, da interpretación “por exemplo en xulgados, servizos sociais para estranxeiros... son melloras cunha finalidade social”.
En principio o simposio está orientado a investigadores, aínda que tamén está aberto a profesionais e estudantes de terceiro ciclo, “para os que este pode ser un bo escaparate para presentar as súas primeiras comunicacións sobre as súas teses”.

Fronteiras como barreiras?

Traducir na Fronteira pretende tirar as barreiras que supoñen as delimitacións espaciais entre os países, “que moitas veces dificultan a comunicación e illan os idiomas, eliminando a permeabilidade”, apunta Cruces. Por este motivos, as fronteiras marcan boa parte dos contidos “como lugar simbólico, coa tradución sempre vista como unha fronteira entre o comprensible e incomprensible, afondando en que é o que determina que haxa que traducir nunha fronteira ou non, ou reflexionando en se o facto de existir fronteira implica que haxa que facer traducións, se se crea máis mercado de tradución por estar preto de fronteiras, etc”. Ao longo dos tres días investigadores e profesionais poderán debater a partir de ponencias, comunicación, conferencia ou mesas redondas sobre o que supón unha fronteira, non só política, tamén lingüística e cultural, “porque o feito de ter unha fronteira ao lado fai que vivamos de costas en lugar achegarnos, e debemos avanzar en como a tradución pode salvar estas fronteiras, eliminar as barreiras”.

AIETI

Este é un congreso bianual organizado pola Asociación Ibérica de Estudio de Traducción e Interpretación, AIETI, que terá lugar do 15 ao 17 de outubro no Centro Social Caixanova. Segundo apunta a coordinadora, “habilitaranse catro salas para presentacións simultáneas divididas en grandes bloques temáticos”. Entre os contidos, afondarase tanto en interpretación como en tradución literaria, didáctica da tradución e investigación empírica en tradución, ademais de interpretación social, audiovisual ou interpretación para a xustiza. Esta cuarta edición do congreso, que toma o relevo do de Barcelona, está marcada ademais de polo marco das fronteiras, polo peso específico que acada a interpretación. “Este é un congreso aberto a todo tipo de propostas pero, desta volta e contra o que vén sendo habitual, pesa máis a interpretación que a tradución”, apunta Cruces.

Expectativas e obxectivos

A celebración do congreso comprende tamén a asemblea plenaria AIETI, “que ten marcado como obxectivo fundamental crecer e ser visibles, tanto en España como no outro lado da fronteira”, puntualiza. Portugal carece de ensino regrado de tradución e faltan doutores, “polo que moitos estudantes veñen a Vigo facela tese, o que nos achega aínda máis ao país luso. A idea é crear masa crítica para que en Portugal estes estudos crezan e se consoliden”.
Con todo, esta falta de recoñecemento non se limita unicamente a Portugal e, para Cruces, falta recoñecemento duns estudos e dunha profesión “que están desvinculados, aínda que teñen contacto coa lingüística ou a literatura xa que o saber non é estanco, pero son estudos autónomos e propios”.
No camiño desta posta en valor, a organización concederá dous premios ás teses do bienio, que se entregarán no acto de clausura, recoñecendo o labor de investigación que se está a desenvolver.

Tres conferencias invitadas e dúas mesas redondas

A conferencia inaugural correrá a cargo da catedrática de Tradución da Universidade, Elena Sánchez Trigo, mentres que o segundo día será da man de Joselia Neves, do Instituto Politécnico de Leiría. Na derradeira xornada será Mercè Tricás Preckler, catedrática da Universitat Pompeu Fabra e presidenta co Comité Científico de AIETI a protagonista.
Pero ademais da conferencias invitadas e xunto coas comunicacións e ponencia desenvolveranse dúas mesas redondas sobre interpretación. Por unha banda, “o grupo Comunika, grupo de referencia a nivel nacional que traballa en interpretación social e interpretación para xulgados, centrarase no Panorama actual de la traducción e interpretación en los servicios públicos y retos futuros. A outra mesa redonda afondará en Las fuentes en la historia de la interpretación: algunos ejemplos prácticos.