DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornada contará coa colaboración de docentes da Universidade Federal do Estado do Ceará

Expertos internacionais debaten no campus sobre a normativa ambiental en España e Brasil

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 18/10/2011
O desenvolvemento económico e social non debe, en ningún caso, supor unha ameaza para a natureza, a contorna e a saúde, por iso a lexislación medio ambiental ten que proporcionar as medidas precisas para a protección, a conservación e a sustentabilidade. Cada país conta cunha normativa específica neste campo ambiental e, para coñecer a que se aplica no Brasil, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organiza este mércores unha xornada internacional que ofrecerá unha aproximación ao dereito ambiental español e brasileiro.

Organizado polas profesoras Mª José Bravo Bosch e Patricia Valcárcel, este seminario repasará ao longo da xornada e da man de expertos tanto da Universidade de Vigo como da Universidade Federal do Estado do Ceará diferentes aspectos da lexislación ambiental, dende as súa orixe ata a concepción do medio ambiente como un dereito fundamental, a tributación e a fiscalidade, a protección fronte a contaminación acústica ou mesmo o proxecto brasileiro de integración enerxética e cultural en América do Sur.

Esta iniciativa xorde da estreita relación que un grupo de docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas mantén cos seus homónimos de Ceará, tras varias colaboracións e traballos conxuntos. A xornada é un paso máis para seguir afondando nesta cooperación transoceánica, desta volta, centrada no dereito ambiental. En total tomarán parte nesta xornada 11 docentes e investigadores en lexislación ambiental que presentarán as características básicas destas normativas nos dous países. Así os relatorios percorrerán diferentes perspectivas xurídicas dentro do eido ambiental, dende a filosofía do dereito, ata o dereito romano, o administrativo e o tributario.

Os relatorios inclúense dentro do programa de actividades de formación complementaria para o alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo, aos que lle será entregado un diploma acreditativo de asistencia.

Programa da xornada (61.19 kb)