DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Expertos internacionais debaten en Pontevedra sobre a actualidade da natación española e o seu futuro inmediato

A cita será do 17 ao 19 de outubro no Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 15/10/2008

O interese pola formación e investigación no sector da natación deportiva e de outras actividades acuáticas son o motivo da celebración do XXVIII Congreso Internacional de Adestradores de Natación que terá lugar esta fin de semana en Pontevedra. Expertos nesta disciplina deportiva daranse cita no Pazo da Cultura para afondar nas últimas tendencias tanto nacionais como internacionais, ademais de promover o intercambio e a difusión de experiencias dos distintos profesionais que participan.
Organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a Federación Galega de Natación e a Asociación Española de Técnicos de Natación, ao longo de distintas conferencias, pósteres, mesas redondas e obradoiros debaterase sobre a actualidade da natación española e o seu futuro inmediato, a promoción da normalización na modalidade adaptada e a intervención desta disciplina en idades escolares.
Segundo explicou o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela Carral, “trátase dunha cita importante para o noso centro, xa que contaremos con recoñecidos profesionais e expertos do eido deportivo que compartirán con nós os seus coñecementos”.

Dúas liñas de actuación

O XXVIII Congreso Internacional de Adestradores de Natación desenvolverase os vindeiros 17, 18 e 19 de outubro cunha intensa programación repartida atendendo a dúas liñas de actuación ben diferenciadas. Por unha banda, a carga central do encontro vai dirixida a profesionais de alto rendemento que escoitarán conferencias sobre o adestramento en natación, a biomecánica en nadadores e tamén sobre as últimas tendencias en formación de técnicos desta disciplina. Segundo explicou o organizador do evento e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Carlos Touriño, “gran parte dos nosos alumnos están moi interesados en estes temas, xa que no centro hai unha rama específica sobre alto rendemento”, ao que engadiu que “respecto ao módulo de formación, tamén é moi interesante xa que coñecerán novas saídas laborais que agora comezan a estar en auxe”.
A outra liña de actuación que se tratará dentro da programación do congreso está máis encamiñada a profesionais do deporte “non tan interesados no alto rendemento, senón en novas técnicas de aplicación na natación como o watsu, algo parecido ao yoga na auga, ou o step acuático”, explicou Carlos Touriño. Tamén se afondará en todo o relacionado coa natación adaptada, é dicir, aquela que traballa con deportistas con algunha discapacidade.
A cita será o venres 17 ás cinco da tarde coa apertura oficial do encontro e a partir de aí cada participante poderá asistir a diferentes conferencias en función da liña de actuación que máis lle interese. Contarase coa intervención de recoñecidos profesionais como os adestradores do equipo olímpico inglés, Bill Furniss e Patrick Miles; o adestrador do Sant Andreu, José Antonio del Castillo; o técnico de alta competición, Luis Villanueva Vicente; ou o nadador paraolímpico, Xavi Torres, entre outros.

Último día de inscrición o 17 de outubro

O prazo para asistir a este encontro internacional sobre natación rematará o vindeiro 17 de outubro, podendo os interesados inscribirse no congreso completo ou por módulos e talleres. Deste xeito, o prezo normal para matricularse en todas as sesións é de 140 euros, obtendo un desconto de 20 euros os membros da Asociación Española de Técnicos de Natación e os da Asociación Portuguesa de Técnicos de Natación, e de 60 euros para os alumnos de todas as universidades da Península Ibérica.
Para os que soamente desexen apuntarse en algún obradoiro, o custo é de 60 euros por un e de 100 por dous.
Deberase enviar o boletín de subscrición debidamente cumprimentado xunto a copia do resgardo bancario do pagamento ao número de fax 981290900 ou ao correo electrónico secretaria.aetn08@gmail.com

Máis información XXVIII Congreso Internacional de Adestradores de Natación