DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto duratiNet, que se centra nesta problemática na área da Europa atlántica

Expertos internacionais debaterán en Vigo sobre o mantemento das infraestruturas do transporte

Presentarán experiencias de mantemento e reparación desenvoltas en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/01/2011
Pola súa importancia capital para a economía e a mobilidade, as infraestruturas de transporte requiren dos países unha atención constante que palíe o deterioro que o tempo e o seu uso causan sobre elas. Na franxa da Europa atlántica, onde estas construcións teñen na súa maior parte máis de 50 anos, sofren un grao de deterioro moi alto, en boa parte pola agresividade da contorna mariña. Este mantemento e constante reparación de estradas, portos e instalacións ferroviarias públicas e privadas representan un elevado gasto tanto económico e técnico como ambiental. Neste contexto naceu en febreiro de 2009 o proxecto duratiNet, que ten como obxectivo crear unha rede de excelencia para facilitar un intercambio e transferencia de coñecementos e promover a durabilidade, seguridade e sostenibilidade das infraestruturas de transporte no Espazo Atlántico.

A Universidade de Vigo, a través de Xosé Ramón Nóvoa, profesor do Departamento de Enxeñaría Química, participa no consorcio e coordina o grupo de traballo WG6, que se ocupa de materiais e tecnoloxías sostibles. Este venres reuniranse na cidade olívica na quinta xuntanza transnacional do proxecto, “a primeira en Vigo, tras pasar anteriormente por Lisboa, Belfast, Bordeos, Dublín, unha cada seis meses”, segundo apunta Nóvoa. Ao longo da tarde, representantes de Portugal, Irlanda, Reino Unido, Francia e España realizarán unha posta en común do traballo realizado ata agora e unha sesión específica sobre as experiencias en España relacionadas con mantemento e reparación.

Obxectivos a curto e longo prazo

“O proxecto comezou en 2009 e alongarase ata finais deste 2011”, explica Nóvoa, coa vista posta en poder contribuír á estratexia de Lisboa ao aumentar a competitividade e o emprego e facer máis atractivas estas rexións como lugares para vivir, traballar e levar a cabo actividades comerciais.

Con todo, os socios márcanse dous tipos de obxectivos específicos, a curto e longo prazo. Primeiramente os esforzos están centrados no desenvolvemento dun plan de traballo orientado á aplicación de metodoloxías para optimizar o mantemento de infraestruturas de transporte existentes no Espazo Atlántico, empregando sistemas e materiais de reparación máis duradeiros e respectuosos co medio. Coa vista posta máis aló de 2011 preténdese poñer en marcha un Clúster do Espazo Atlántico para o desenvolvemento de Materiais Ecolóxicos e Intelixentes, así como xerar novas competencias no deseño da infraestrutura, a construción e xestión mediante a creación de accións de difusión do coñecemento e organización de actividades divulgativas. Ademais, trátase de estimular a aplicación dos estándares europeos para as reparacións e determinar os requisitos para unha investigación específica no tocante ao control de calidade de novos produtos e os resultados dos procesos de rehabilitación realizados cos mesmos.

Como un primeiro paso, apunta o profesor Xosé Ramón Nóvoa, “vaise poñer en marcha unha plataforma na que se poderá consultar o estado actual do coñecemento en avaliación e remediación de estruturas degradadas”. En base aos resultados de duratiNet, publicaranse tamén manuais sobre reparacións, informes técnicos sobre os novos produtos e sistemas de reparación, informes sobre materiais ecolóxicos e intelixentes na construción así como a posta en funcionamento dunha páxina web para unha maior difusión dos resultados do proxecto.

A Universidade, centrada en materiais ecolóxicos e intelixentes

O profesor Xosé Ramón Nóvoa coordina o grupo de traballo WG6, que se centra en materiais estruturais e de reparación ecolóxicos e intelixentes. Neste grupo, o estudo céntrase no formigón con subprodutos e agregados reciclados, nos recubrimentos de base auga para a protección do aceiro, o cemento con nanopartículas e nanofibras (nanotubos de carbono) e nanomateriais con propiedades específicas: fáciles de limpar, auto-limpeza, auto-reparación, revestimentos e nanoprodutos para materiais porosos así como na monitorización on-line utilizando sensores inarámicos como estruturas intelixentes.
Xunto coa Universidade, o Porto de Vigo e a Xunta de Galicia son os outros dous representantes españois neste consorcio, no que toman parte institucións de Francia, Portugal, Irlanda e Reino Unido.