DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante os días 18 e 19 de novembro

Expertos internacionais debaterán en Vigo sobre a realidade da literatura infantil e xuvenil

Nas xornadas organizadas pola asociación ANILIJ, nacida na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 16/11/2010

Investigadores e docentes de toda a península daranse cita en Vigo para pór en común as súas ideas e traballos máis destacados con motivo da 1ª Xornada internacional de crítica e investigación en literatura infantil e xuvenil, organizada por ANILIJ, asociación creada no ano 1999 na Universidade ao abeiro grupo de investigación AI1, da Facultade de Filoloxía e Tradución.

O principal obxectivo das xornadas, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro no hotel AC Palacio Universal, é debater sobre as necesidades que se observan na investigación neste ámbito e fomentar o diálogo, a colaboración e o intercambio de especialistas entre grupos e centros. “Cada un dos expertos que interveñen exporá os seus proxectos vixentes ou realizados nos dous últimos anos, incidindo especialmente nos resultados e conclusións acadadas”, explica a profesora Veljka Ruzicka, que xunto coa estudante de doutoramento Ana Fernández e a docente Lourdes Lorenzo, constitúen a xunta directiva de ANILIJ.

Un dos aspectos máis destacados na estrutura das xornadas é a apertura a estudantes de doutoramento, que presentarán as súas teses, achegando así unha visión xeral do panorama presente e futuro da investigación en España. A realidade dos estudos en literatura infantil e xuvenil a nivel internacional correrá a cargo de tres expertos estranxeiros, procedentes da universidade portuguesa dos Açores, da italiana de Boloña e da de Nova Gorica, en Eslovenia. “Deste xeito queremos plantexar un diálogo multicutural que, sen dúbida, favorecerá un mellor coñecemento do estado da cuestión e permitirá abordar as debilidades que se observan dente múltiples enfoques e experiencias”, segundo palabras de Ruzicka. Para que quede constancia das conclusións acadadas ao longo das xornadas, o vindeiro ano publicarase unha memoria.

ANILIJ, Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

A raíz do traballo do grupo de investigación AI1, integrado por docentes dos departamentos de filología inglesa, alemana e francesa e de tradución, nace ANILIJ, a primeira asociación a nivel nacional dedicada á investigación da literatura infantil e xuvenil dende todos os ámbitos posibles, dende a ilustración á didáctica pasando pola biblioteconomía e as linguas estranxeiras.

Pero ANILIJ non só inclúe docentes e investigadores a título individual, senón que “está en proceso de ampliación para abacar seccións doutros ámbitos lingüísticos”, apunta Ruzicka, que engade que “no 2006 ampliamos o campo de acción hacia Portugal e actualmente estamos colaborando con universidades iberoamericanas, principalmente coa de México”.