DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XXX Congreso Internacional sobre as Aplicacións dos Láseres e Electro-Óptica de Florida

Expertos internacionais premian un traballo que mellora a flexibilidade e o peso de estruturas de aluminio

O sistema de produción con láser deseñado por Jesús del Val beneficiaría á industria automobilística

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 22/11/2011
Noemí Rey | Vigo
Podería implantarse nos sistemas de absorción de enerxía dos automóbiles para casos de accidentes ou para reducir a masa da estrutura do coche, o que conlevaría un menor consumo de combustible. Estas son só dúas das aplicacións inmediatas que se lle poderían dar ao novo sistema de produción de estruturas de aluminio porosas baseado no uso dun láser e dous chorros de partículas deseñado polo enxeñeiro industrial Jesús del Val, un traballo premiado no XXX Congreso Internacional sobre as Aplicacións dos Láseres e a Electro-Óptica (ICALEO2011) celebrado en Florida, Estados Unidos. Un destacado recoñecemento internacional no simposio mundial máis importante na materia que aglutinou a máis de 500 investigadores dos cinco continentes e “unha gran satisfacción persoal” coa que Del Val ve recompensada a labor desenvolvida na súa tese de doutoramento.

Jesús del Val tivo que presentar na cidade de Orlando os resultados do seu proxecto, titulado Production of Aluminium Foams by Laser Cladding, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e dirixido polos profesores Fernando Lusquiños e Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. Esta nova técnica permite obter paneis de aluminio cunha estrutura porosa en medio que aporta flexibilidade e eficiencia, “xa que a mestura do material fundido co láser responde a proporcións deseñadas por computadora, o que permite facer pezas cunha porosidade de tamaño e distribución controlados mediante a modificación dos parámetros de procesamento”, explicou o enxeñeiro. A súa aplicación é ampla, xa que está aberta a calquera sector no que sexan necesarios elementos construtivos con boas propiedades mecánicas e unha redución no peso da estrutura.

Premio á innovación científica

O xurado do Congreso decidiu galardoar o traballo de Del Val pola súa innovación científica e pola claridade na exposición do proxecto durante o simposio, que rematou cunha conferencia honorífica por parte dun reputado membro da comunidade científica dentro do campo dos láseres. “Para min foi toda unha honra recibir o premio de mans de Nathaniel Quick, presidente saínte do Laser Institute of America (LIA) e unha persoa cunha longa e destacada aportación ao campo do procesamento de materiais con láser”, subliñou o investigador.

Tres décadas de traballo

Este galardón supón un recoñecemento internacional non só para o investigador, senón tamén para a labor que o Grupo de Investigación de Aplicacións Industriais dos Láseres leva desenvolvendo dende hai máis de 30 anos, “dentro do cal eu tiven a sorte de poder aportar o meu esforzo e dedicación”. Aínda que a liña de investigación aberta por Jesús do Val ten no sector da automoción unha das súas aplicacións máis interesantes, o grupo tamén traballa desenvolvendo métodos para campos como o biomédico, o aeroespacial ou outros ligados intimamente ao tecido empresarial.

Radicado na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, o grupo xa foi premiado con esta distinción do LIA por outros cinco traballos relacionados coas técnicas láser: o corte láser de lousa, a produción de recubrimentos de hidroxapatita sobre próteses metálicas, o corte láser de aliaxes de aluminio con aplicacións no ámbito aeroespacial e o prototipado rápido de electrodos para electroerosión.