DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do 4º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics

Expertos internacionais propoñen unha reforma fiscal verde alén dos intereses partidarios para mitigar o cambio climático

O vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, destaca a "calidade científica" do en

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 08/07/2010

Malia os desencontros que transcenderon no cumio de Copenhague o cambio climático é unha realidade que afecta a todos os niveis e que os gobernos deben asumir promovendo políticas correctoras urxentes. Desde o 2004 vense celebrando de forma bianual o Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics para realizar propostas de aplicación económica nese senso desde o ámbito académico. Na súa cuarta edición, que se inaugurou hoxe e se prolongará ata mañá na illa da Toxa, interveñen medio centenar de investigadores e técnicos do sector público e privado de ámbito internacional para debater e facer propostas en torno á reforma fiscal verde, un tema de actualidade que o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García Vázquez, considera de máximo interese para a conxuntura económica actual. Mentres España vive o seu particular debate en torno ás reformas tributarias, todos os relatores do encontro coincidiron en subliñar a necesidade de que a imposición de taxas para mitigar o cambio climático ten que estar moi presente nas axendas dos gobernos alén das leas partidarias.

No acto de inauguración García Vázquez quixo destacar tamén “a alta calidade científica deste evento, que é unha aposta estratéxica da Universidade para a transferencia do coñecemento”. Agradeceu o apoio de todas as entidades colaboradoras e o esforzo organizativo realizado polo grupo de investigación Rede, ao que dixo que el mesmo pertence. Así mesmo, celebrou que nesta edición se teñan sumado á organización o Instituto de Estudos Económicos de Galicia da Fundación Barrié de la Maza e o centro de investigación Economics for Energy, recentemente creado e do que é a Universidade é socio fundador. “Espero que estes dous días sexan proveitosos para todos os interesados na economía enerxética e ambiental”, desexoulles finalmente aos asistentes.

Un think tank para a economía da enerxía

Pola súa parte, Javier López, director xeral da Fundación Pedro Barrié de la Maza, destacou o interese particular do centro de investigación da súa entidade polas investigacións en materia de economía da enerxía. “Sumámonos a este proxecto para crear un think tank neste tema, facelo visible e que redunde no seu aproveitamento por parte das empresas”, afirmou. José María Labeaga, director do Instituto de Estudios Fiscales gabou á organización do evento, en particular ao profesor Xavier Labandeira, director das xornadas. “O Instituto é un centro público que depende do Ministerio de Facenda e en época de recortes temos que seleccionar ben as actividades que financiamos”, manifestou, ao tempo que salientou o alto nivel dos participantes. “Isto garante a gran calidade deste evento, que de seguro terá un gran impacto e un gran éxito”, salientou. Por último, Francisco Caamaño, delegado en Galicia de Iberdrola, recalcou a actualidade da temática deste ano e sinalou que “as políticas fiscais verdes deberían estar por riba dos debates partidarios, aínda que lamentablemente non é así”. Na súa opinión terían que aplicarse tamén noutros sectores, como o dos transportes, e non só no enerxético.

Diversidade temática nas dúas xornadas

Chegados dos Estados Unidos, Chile, Noruega, Irlanda ou Francia, os relatores da primeira xornada abordaron dende a gravame das emisións atmosféricas ata o desenvolvemento de tecnoloxías limpas, a imposición das exportacións e as importacións de recursos naturais non renovables e o fracaso do cumio de Copenhague. Agnar Sandmo, da Norwegian School of Economics, impartiu a conferencia de apertura, que abordou as taxas correctivas como medio de control das emisións atmosféricas, procurando que a marxe de dano social para o consumidor sexa a menor posible. Destacaron tamén as intervencións de Michael Hanemann, da University of California, Berkeley; e de Frank Convery do University College de Dublin.

A diversidade temática manterase mañá con discusións centradas nas medidas impositivas para evitar verquidos de petróleo, no xeito de acadar unha factura da electricidade verde, as consecuencias da liberalización do mercado enerxético ou o rol das etiquetas de eficiencia enerxética dos electrodomésticos. Entre outras intervencións destacan as de Lara E. Lázaro, da London School of Economics, e a de George Adu, da Swedish University of Agricultural Sciences.