DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No II Foro Luso-Galaico de Protocolo e o II Foro Hispano-Luso-Iberoamericano de Protocolo

Expertos internacionais en protocolo amosarán como "a excelencia é unha cousa sinxela"

Ambos eventos inscríbense no X Curso Complementario de Comunicación e Protocolo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 12/03/2010

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá o II Foro Luso-Galaico de Protocolo, logo de celebrarse o primeiro o ano pasado no Porto, que reúne a expertos desta especialidade de diversas institucións e organismos de Galicia e o norte de Portugal. Así mesmo, con destacada presenza de expertos da Arxentina, Brasil e Venezuela, celebrarase o II Foro Hispano-Luso-Iberoamericano, continuación do organizado no campus no ano 2008. Os dous acontecementos desenvolveranse os días 19 e 20 de maio baixo o lema A excelencia é unha cousa sinxela e inscríbense dentro do tradicional Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, dirixido polo profesor Fernando Ramos e que este ano acada a súa décima edición.
“Partindo deste curso queriamos combinar a presenza académica e profesional e proxectala non só ao alumnado, senón tamén á sociedade en xeral e cara a outros profesionais”, así explica o profesor Ramos a idea de poñer en marcha estes dous foros de xeito paralelo ao curso de protocolo. Sinala como os seus obxectivos principais “abordar o protocolo como a ciencia da excelencia para afrontar ben as relacións humanas e reflexionar sobre a súa función no contexto actual de multiculturalidade”. Asegura que son as actividades cunha maior consolidación e que teñen maior participación do alumnado dentro da Universidade, o que relaciona co feito de estar completamente financiadas pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, coa colaboración de Caixanova, polo que son gratuítas e achegan a posibilidade de convalidación por créditos de libre configuración.

Expertos de relevancia internacional

Malia estar aínda en fase de tramitación, boa parte do programa está xa pechado. Ramos subliña que intervirán profesionais da comunicación e do protocolo de empresas e institucións de gran relevancia, “o que fai que sexa un dos encontros de maior prestixio no seu eido”. Destaca a presenza de Manuel Côrte-Real, ex xefe de protocolo do Estado de Portugal, quen organizou a cumbre do Tratado de Lisboa, “un dos acontecementos máis importantes de Europa”, opina o profesor. Estarán tamén, entre outros, Carlos Abella, ex embaixador de España no Vaticano; Horacio Vázquez, xefe de protocolo da Escola Náutica de Arxentina; e Eliane Ubillús, presidenta da Asesoría para Asuntos Internacionais do Comité Nacional de Ceremonial Público do Brasil; ademais de xefes de protocolo e comunicación de institucións como os concellos de Santiago e Vigo, a Cámara Municipal do Porto, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e profesores das universidades de Vigo, A Coruña e Sevilla.

O sentido común, primeira regra do protocolo

No relativo ao lema escollido para esta edición dos dous foros, A excelencia é cousa sinxela, Fernando Ramos lembra que “a primeira regra do protocolo é o sentido común”. “O solemne non ten porque ser estrambótico, a solemnidade e a sinxeleza van collidas da man”, opina ao respecto, polo que asegura que a tendencia actual na organización de cumbres, cerimonias e outro tipo de actos pasa por eliminar todo tipo de elementos escénicos, deixando só aqueles que teñan unha funcionalidade ou un sentido simbólico.
O relatorio de apertura correrá a cargo de Manuel Côrte-Real, baixo o título A sinatura do Tratado de Lisboa. Como facer unha cerimonia moderna e perfecta. O programa inclúe outras conferencias suxestivas como a de J. de Juana, catedrático de historia da Universidade de Vigo, en torno ao Congreso de Viena e a súa repercusión na configuración de Europa, momento considerado o nacemento do protocolo diplomático como ferramenta para a paz.

Protocolo e sociedade, historia, cultura e arquitectura

Ademais de varios debates profesionais entre expertos de Europa e América, inclúense relatorios sobre protocolo e sociedade laica, protocolo e historia, a funcións dos consellos sociais na política de relacións públicas das universidades, o protocolo do Ano Santo, os cerimoniais en torno ao viño do Porto ou o protocolo do cinema, entre o show e o glamour das cerimonias de entrega de premios, que abordará Anna Amorós, profesora titular de Cine na Universidade de Vigo.
Cómpre destacar tamén a intervención da profesora Isabel Amaral, presidenta da Asociación Portuguesa de Estudos de Protocolo, que falará de protocolo e cultura no século XXI dende a perspectiva de diferentes continentes, despois de ter abordado esta materia por todo o mundo.
Os foros contarán tamén este ano cun colaborador especial, o prestixioso arquitecto César Portela, quen presentará unha conferencia titulada O protocolo estrutural, como crear espazos onde celebrar acontecemetnos? O peche correrá a cargo de Carlos Abella, cunha intervención baixo o epígrafe As memorias confesables dun embaixador no Vaticano.
Como novidade presentarase no seo dos foron un volume que recolle as conferencias do Curso Complementario de Comunicación e Protocolo desde o ano 2004 ata o 2009, prologado por Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa.