DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal acolle o Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, por 1º vez en Esp

Expertos internacionais reúnense no campus na procura dun certificado forestal para os pequenos propietarios

Os silvicultores galegos precisan da acreditación para poder competir con países como China, Brasil

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 26/09/2011

A Escola de Enxeñaría Forestal convértese en referente internacional na xestión de montes coa celebración do 3rd Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, un encontro organizado pola FSC Internacional (Forest Stewardship Council) en colaboración co grupo de investigación AF4 da Universidade de Vigo para facilitar o certificado oficial das pequenas propiedades forestais. A xuntanza, que se celebra por primeira vez en España tras pasadas edicións en Portugal e Suíza, reúne a expertos dos principais países en produción forestal de Europa que deseñarán do 4 ao 6 de outubro “modelos de acreditación simplificados para medir a xestión forestal a pequena escala”, explica o profesor Juan Picos, principal organizador do evento.

Esta organización sen ánimo de lucro, fundada para promover o manexo responsable dos bosques, impulsou a creación de unha rede de expertos "co reto en Galicia de obter un certificado internacionalmente recoñecido para a maior superficie posible, como o certificado FSC”, comenta o profesor. Esta acreditación oficial garante ao consumidor que a xestión forestal foi realizada baixo criterios de sustentabilidade e cun seguimento fiable dende a orixe dos produtos forestais. As grandes empresas e os servizos forestais dos estados son as principais entidades capaces de conseguir o certificado FSC, polo que “a clave está en que os pequenos produtores sexan quen de alcanzala cunhas esixencias xustas e a un custo razoable”. Como aclara Picos, “esta garantía nun principio era voluntaria, pero agora estase a converter nunha esixencia por parte dos mercados, requiríndoa en normas, regulamentos e lexislación a escala mundial”.

Galicia, en desvantaxe

En Galicia, ademais da problemática de adaptar o sistema á pequena escala, “as esixencias particulares que FSC España impón aos silvicultores son maiores que as existentes en outros países competidores”, puntualiza o experto. Esta situación de desvantaxe unida ao esforzo de promover a demanda de produtos con certificado FSC e a inexistencia de montes galegos con esta acreditación “provoca que se importe madeira e papel de países como China, Brasil ou Rusia co correspondente impacto no eido ambiental, económico e social”. Para facer fronte a esta realidade vaise constituír oficialmente unha asociación de ámbito rexional para impulsar a obtención do certificado FSC, “que xa vén funcionando de xeito informal no último ano e na que a EE Forestal é un axente clave”.

Programa do encontro

O encontro terá dúas partes diferenciadas, unha de carácter aberto e outra limitada aos membros da Rede FSC. A primeira, que se celebrará o 4 de outubro contará con nove conferencias e exporanse os resultados de distintas iniciativas e experiencias levadas a cabo nos montes veciñas de mancomún, analizarase a modalidade de certificado “paso a paso” e a realidade da propiedade forestal en Europa. O segundo día os expertos deseñarán, a nivel interno, as actividades e informes realizados pola rede. O encontro rematará o xoves 6 de outubro cunha visita aos montes veciñais e pequenas propiedades do sur de Galicia e norte de Portugal.