DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental celebrarase en xuño

Expertos internacionais volven elixir A Toxa para pórse ao día en políticas enerxéticas e ambientais

As enerxías renovables terán un papel destacado nun encontro que chega xa a súa quinta edición

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 01/03/2012
Convertido xa nunha cita de referencia para a discusión e o debate sobre investigacións en enerxía e cuestións ambientais, o Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE) celebrarase este ano o 25 e o 26 de xuño na illa da Toxa. Será xa a súa quinta edición e, por primeira vez dende a súa aparición, o encontro non ten unha temática específica, unha medida que puxeron en marcha para non restrinxir os traballos que poidan presentarse, “sempre e cando pertenzan ao campo da economía enerxética e ambiental”, explica o catedrático da Universidade Xavier Labandeira, director de Economics for Energy, entidade que coorganiza a actividade, xunto ao grupo de investigación Rede e a Fundación Barrié.

A quinta edición do workshop da Toxa inclúe tres tipos de sesións: presentacións académicas estándar, que correrán a cargo tanto de investigadores invitados como daqueles profesionais que envían traballos que son seleccionados para a súa presentación; tres leccións que impartirán expertos internacionais en diversas áreas e unha mesa redonda sobre os desafíos enerxético-ambientais aos que se enfronta a sociedade actual. “Iso fai que, aínda que non formalmente, o workshop teña unha temática relativamente definida e que este ano discorrerá en torno ás enerxías renovables e a definición e análise de políticas enerxéticas e ambientais”, engade Labandeira.

Entre os académicos que impartirán as leccións están tres grandes figuras: Lawrence Goulder, profesor de Stanford e grande experto en políticas públicas enerxético-ambientais; Dallas Burtraw, de Resources for the Future (Washington DC), especializado na avaliación empírica de políticas enerxético-ambientais; e Ottmar Edenhofer, presidente do grupo 3 do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC). Ademais, os investigadores invitados inclúen a figuras como Michael Hanemann (Berkeley), Denny Ellerman (Instituto Universitario Europeo), Anil Markandya (BC3) ou Juan P. Montero (PUC Chile).

Número especial da revista Energy Economics

A nova edición do encontro presentouse esta semana na sede da Fundación Barrié na Coruña ao abeiro dunha conferencia da presidenta de Acciona Enerxía, Carmen Becerril, que explicou os retos aos que debe facer fronte o sector enerxético global no futuro para conseguir sociedades máis sostibles e seguras. “No encontro discutiuse de temas moi relevantes na política enerxética española actual, desde a promoción de renovables ata o déficit da tarifa eléctrica”, subliñou Labandeira, quen explicou que o relatorio contou cunha asistencia de arredor de 150 persoas do mundo empresarial e académico, entre eles o alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, que aproveitaron a visita á Coruña para visitar a planta de depuración de augas.

Neste acto deuse tamén a coñecer o número especial da revista Energy Economics, unha das de maior impacto nesta área, na que se recollen unha selección dos traballos presentados no workshop do 2010. “Os contidos son relativamente heteroxéneos, dentro do ámbito da economía enerxética e ambiental, aínda que a maior parte dos traballos están interesados na avaliación de diversos instrumentos ou políticas enerxético-ambientais”, subliñou o coordinador, ao tempo que especificou que algúns dos traballos refírense ao tema que guiou o anterior workshop: o deseño e aplicación de impostos ambientais e reformas fiscais verdes.

Tanto a conferencia como a presentación da revista estiveron organizadas polo Instituto de Estudios Económicos de Galicia Pedro Barrié de La Maza (IEEG) en colaboración con Economics for Energy, un centro de investigación ao que recentemente se incorporou como socio a Fundación Areces, “unha das máis activas no ámbito do mecenado académico”.