DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola asociación universitaria Syme, terán lugar do 20 ao 24 de outubro

Expertos en lexislación e natureza danse cita na Facultade de Ciencias coas II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia

O decano do centro anunciou a aprobación do plan de estudos do grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alim

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/09/2008

Co aval de máis de 500 participantes no 2007, hoxe presentáronse en Ourense as II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental nas que do 20 ao 24 de outubro se darán cita na Facultade de Ciencias unha destacada representación de especialistas en lexislación e natureza.
Organizadas pola asociación universitaria SYME, entre as principais novidades desta edición destaca a introdución no programa de temas relacionados coa saúde ambiental, tal como indicou na presentación o presidente da asociación, José Antonio Pérez, que estivo acompañado do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez; o decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto e o delegado de Medio Ambiente, Francisco José Fumega.
Co obxectivo de seguir aumentando os coñecementos xerais sobre o medio ambiente, as xornadas están organizadas en diferentes bloques temáticos que abarcan dende os temas de saúde, os espazos naturais protexidos, a enerxía ou a educación sostible ata aspectos máis concretos coma a xestión medioambiental nos municipios e o labor lexislativo ambiental das organizacións non gobernamentais.

Relatores do eido público e privado

Inauguradas polo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, as xornadas contarán coa participación de relatores tanto do eido público como privado. No primeiro caso contarase coa presenza, entre outros, de catro directores xerais, que darán a súa visión sobre as políticas de medio ambiente que se están a levar a cabo na nosa comunidade. O director xeral de Conservación da Natureza, José Benito Reza, explicará temas relacionados coa protección medioambiental; no caso da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Mª José Patiño, falará sobre a necesidade de educación ambiental, mentres que Emilio Fernández Suárez, director xeral de Desenvolvemento Sostible, explicará o Plan Galego de Acción fronte ao cambio climático e, Ramón Medina, responsable de Saúde Pública, fará un repaso a unión entre medio ambiente e saúde.
Por parte da Universidade, asistirán un destacado número de profesores, así como o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, que fará unha exposición sobre Enerxía e Medio Ambiente, e a directora do EnergyLab, Elena González, que se centrará en temas de eficiencia enerxética nos sectores produtivos.
En temas de lexislación o presidente de Syme, quixo destacar a participación de Antonio Martinho, gobernador de Vila Real, en Portugal, que tratará o tema dos incendios na fronteira Portugal-España, e de Eduardo Salazar, responsable da sección de Dereito Ambiental do Colexio de Murcia, que falará do caso “Marina de Cope-Murcia”, “un caso de especial interese, xa que é o único de temas ambientais que está no Tribunal Constitucional”, sinalaba Pérez.
Desde o punto de vista empresarial contarase coa participación da delegada de Aquagest en Ourense, que se centrará no tema da auga.

Validables por créditos

Dirixidas a toda a comunidade universitaria, as xornadas son validables por dous créditos de libre elección e convalidan tamén para oposicións de educación e medio ambiente.
Os interesados en inscribirse poderán facelo ata o xoves 16 de outubro. O prezo da matrícula é de dez euros para o público en xeral, cinco para os estudantes da Universidade e os socios de syme poderán asistir de balde. Ademais, a entrada inclúe un desconto do 50% na entrada para o balneario de Outariz.

Aprobado o plan de estudos do grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

No marco da presentación destas xornadas, Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias, anunciou que esta mañá se aprobou o plan de estudos do novo grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos que, estruturado en catro anos, “aposta pola vertente máis tecnolóxica da titulación, centrándose sobre todo en temas de seguridade e calidade alimentaria”, indicou o decano.
A proposta é que o grado se imparta na facultade ourensán e saia con 30 prazas. “Ofertaranse 276 créditos ECTS que é o máximo que nos permite a lexislación, se ben o alumnado só tería que cursar 240”, subliñou. Ademais fixo fincapé en que o primeiro curso será de formación básica e nel terá un peso especial o ámbito científico pero tamén haberá contidos do eido tecnolóxico.
Coma un engadido ao título prevese tamén a posibilidade de obter unha mención de industrias vitivinícolas, sempre e cando o alumno teña cursado determinadas materias optativas (vitivinicultura, enoloxía...)