DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IX volume do anuario que coordina a profesora Veljka Ruzicka

Expertos en literatura infantil e xuvenil analizan obras de éxito coma Crepúsculo, Peter Pan ou Kika Súper Bruja

Etiquetas
  • Vigo
Jessica Fdez. DUVI 23/10/2012

A literatura infantil e xuvenil ten un papel fundamental no proceso de socialización dos máis pequenos, xa que lles achega valores morais, formas de comportamento ou educación a nivel afectivo e cognitivo. Sen embargo, a relación asimétrica existente entre un emisor adulto e os receptores fai que a investigación neste campo se converta nun elemento fundamental. Para afondar neste tema, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, nacida ao abeiro da Universidade de Vigo, promove dende o ano 2001 a publicación dun anuario que contribúe ao recoñecemento deste ámbito de estudo a nivel internacional.

Dende as súas orixes, o campo de traballo deste Anuario de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil foi más aló do estudo de contos tradicionais. Na súa última edición, a novena, composta por 15 artigos de investigación e 16 recensións sobre libros recentes, fanse un oco traballos sobre a saga Crepúsculo, as aventuras de Peter Pan no cine, a versión xuvenil das viaxes de Marco Polo ou a dobraxe dun clásico coma Hércules. O seu carácter interdisciplinar fai que teñan cabida reflexións sobre temas tan variados coma o humor, a dobraxe, a arte gótico, a fantasía ou o estudo dos personaxes ficticios “tanto da literatura máis actual coma da literatura clásica, xa que sempre se poden atopar novas vías de investigación á luz dos coñecementos do século XXI”, indica Ana Fernández, secretaria de ANILIJ.

Unha publicación de carácter interdisciplinar

A publicación, coeditada polo Servizo de Publicacións da Universidade e a propia asociación, dá cabida a investigacións sobre didáctica, educación literaria, tradución, literatura comparada, novos enfoques teóricos, edición, contidos audiovisuais, reflexións sobre autores ou historia, sempre dende a perspectiva da literatura infantil e xuvenil. Os traballos, realizados por investigadores de renome a nivel internacional e por estudantes en formación, contribúen á difusión do coñecemento e ao fomento da reflexión sobre as cuestións que relacionan a literatura coa sociedade. Con esta iniciativa, “non tratamos de fomentar a lectura ou a publicación de obras senón que buscamos dar luz á investigación tanto de textos coma doutros formatos susceptibles de ser analizados e criticados de forma construtiva”, puntualiza Veljka Ruzicka, membro do Consello de Dirección do volume e catedrática en Filoloxía Alemá da Universidade de Vigo.

Un anuario froito do traballo de ANILIJ

Este anuario foi publicado por ANILIJ, única asociación nacional dedicada á investigación neste ámbito e pioneira no fomento de proxectos de investigación sobre o tema. Nada na Universidade de Vigo, ANILIJ está o composta por preto de 150 investigadores de toda España en calidade de socios, contando tamén con membros estranxeiros adheridos. Conta, á vez, cunha subsección denominada ELOS que, dende 2007, integra a investigadores de Galicia e Portugal “que se uniron dadas as semellanzas existentes entre linguas con moito en común” puntualizan Mosquera e Ruzicka.

Ademais, ANILIJ organiza congresos e xornadas para dar difusión ás investigacións realizadas en España e no estranxeiro. O labor realizado dende esta asociación foi recoñecido por organizacións internacionais coma a International Research Society for Children’s Literature, IRSCL, que no ano 2009 encargou á Xunta Directiva da asociación a organización dunha sección en lingua castelá nun congreso bienal que é plenamente en inglés e no que “se presentaron 40 comunicacións en castelán de investigadores españois, portugueses e iberoamericanos”, conclúen.