DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso ‘Marine and Freshwater Toxins Analysis’ que se celebrará en Oia do 6 ao 9 de maio

Expertos mundiais en biotoxinas mariñas renden homenaxe ao ex reitor Rodríguez Vázquez tras 50 anos de carreira

Investigadores de Europa, EEUU e Xapón debaterán sobre os novos métodos de detección de toxinas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 03/05/2013

Toxinas como as que provocan as mareas vermellas son capaces de poñer en xaque a toda unha industria, dende produtores ata conserveiras ou depuradoras, e derivar en importantes perdas económicas se non se conseguen manter baixo control. Por iso Galicia, primeiro produtor de moluscos da Unión Europea, é o escenario idóneo para acoller durante cinco días a cuarta edición do Marine and Freshwater Toxins Analysis, un congreso bianual organizado pola AOAC International e a Universidade de Vigo no que se darán cita máis dun cento de expertos en biotoxinas. Será o foro perfecto para render unha sentida homenaxe ao ex reitor José Antonio Rodríguez Vázquez, catedrático de Química Analítica e “o responsable de introducir o control das biotoxinas mariñas por métodos químicos en Europa”. O Hotel Talaso Atlántico de Santa María de Oia converterase entre o 6 e o 9 de maio no epicentro da análise de toxinas en auga doce e salgada.

50 anos de dedicación

Académico integral, promotor dende os seus tempos de reitor vigués entre 1994 e 1998, autor de máis de 80 libros e participante en máis de 25 proxectos de investigación, Rodríguez Vázquez xubílase agora tras rematar a súa etapa de emérito e 50 anos de carreira. Pioneiro no campo das biotoxinas mariñas, o profesor foi o responsable de introducir o seu control por métodos químicos en Europa e o artífice da primeira visita ao Vello Continente do científico xaponés Takeshi Yasumoto, unha autoridade mundial neste eido con máis de 600 traballos de investigación e unha ducia de distincións honoríficas ás súas costas, entre elas a de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Será precisamente o nipón o encargado de ofrecer a conferencia inaugural dunha primeira sesión científica dedicada integramente a Rodríguez Vázquez na que participarán “representantes de todos os grupos españois e estranxeiros cos que colaborou, antigos alumnos e amigos”. “Foi o meu director de tese, quen me iniciou no campo das biotoxinas mariñas… e viamos obrigatorio renderlle homenaxe agora que se retira”, explicou Ana Gago, organizadora do congreso.

Oia, epicentro mariño internacional

Durante catro días, máis dun cento de expertos punteiros de Europa, Estados Unidos, Canadá ou Xapón tratarán de mellorar a detección de compostos daniños, de toxinas emerxentes e de profundar nas metodoloxías analíticas que se están a desenvolver na actualidade, prestando especial atención aos esforzos de validación e implementación de novas fórmulas tanto con toxinas de auga doce como salgada. Serán unhas xornadas nas que o debate pivotará sobre “os avances tecnolóxicos para o control das biotoxinas mariñas” que os científicos están a adaptar aos novos tempos con métodos físicos e químicos e que servirán como escenario para que os investigadores melloren as súas capacidades técnicas, fagan contactos e intercambien opinións e experiencias. As necesidades especiais da comunidade galega será tamén un dos eixos importantes deste debate.