DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O VIII Simposio CEA de Control Intelixente está organizado polo grupo de Robótica

Expertos nacionais analizan en Baiona os últimos logros en vehículos e sistemas intelixentes

Entre outros traballos presentarase Autopía, un coche capaz de circular por estrada sen condutor

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/06/2012
Controladores da velocidade e da dirección que se poden aplicar en sistemas de axuda á condución ou en pilotos automáticos para vehículos de serie; axentes de control de vehículos autónomos en cidades e autovías ou mesmo control preditivo para a regulación da hipnose en anestesia son algúns dos temas que se están a tratar esta semana no VIII Simposio CEA de Control Intelixente, un encontro que reúne no Parador de Baiona a 41 expertos nesta área, principalmente membros do Grupo de Control Intelixente do Comité Español de Automática, CEA. Intelixencia artificial, sistemas expertos, redes neuronais... o control intelixente abarca varias técnicas derivadas da intelixencia artificial coas que se poden resolver problemas de control que resulta imposible solucionar mediante técnicas clásicas.

“Desde unha simple lavadora ata os sistemas de control máis avanzados de carísimos satélites artificiais xeoestacionarios, é difícil atopar xa un equipo moderno que non conte con algún sistema de control intelixente”, subliñou na inauguración do encontro, celebrada esta mañá, o vicerreitor de Transferencia de Coñecemento, José Antonio Vilán, que fixo fincapé en que dentro de poucos anos a intelixencia artificial e os sistemas expertos serán “como a táboa de multiplicar, algo imprescindible na vida de calquera técnico”.

Organizado polo grupo de Robótica e Sistemas Intelixentes, Grobis, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade, o simposio “ten como obxectivo servir de foro de traballo que permita, por unha banda, a posta en común das novas ideas e proxectos en desenvolvemento e que, ao mesmo tempo, se propicie un clima de colaboración entre todos os investigadores que traballan neste ámbito”, subliña o catedrático Rafael Sanz, presidente do comité organizador, ao tempo que explica que se trata dunha cita que cada ano se celebra nunha universidade ou centro de investigación nacional.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou, asistiron tamén á inauguración do encontro, que contou tamén coa participación de José Manuel Andújar, director do grupo de Control Intelixente do CEA.

Tres días de intensa actividade

O encontro botou a andar onte mércores coa presentación de diferentes traballos de investigadores das universidades de León, Huelva, Politécnica de Madrid e La Laguna, así como do centro tecnolóxico vasco Tecnalia. Ademais, presentouse tamén a tese de doutoramento de Joshué Pérez Rastelli, investigador do Instituto Nacional de Investigación en Informática e Automática, INRIA, de Francia sobre o control de vehículos autónomos en cidade e autovías.

En total serán tres días de intensa actividade nos que, ademais da presentación de traballos se incluirán oito relatorios e a presentación de seis teses de doutoramento relacionadas con estas temáticas. Para abrir boca a conferencia inaugural correu a cargo de Luis Magdalena, director do European Center for Soft Computing, “un centro de investigación e desenvolvemento promovido pola Fundación para o progreso do Soft Computing, ubicado en Mieres, Asturias”, explica o profesor Rafael Sanz.

Entre os poñentes destaca a participación de Teresa de Pedro, investigadora do Centro de Automática e Robótica, centro mixto do CSIC e a Universidade Politécnica de Madrid, e responsable do proxecto AUTOPÍA, que presentará os últimos resultados do primeiro coche desenvolto integramente en España capaz de circular en estrada sen necesidade de condutor e que fai poucos días completou unha proba de condución automática duns 100 quilómetros por estradas de Madrid.

Concurso de control intelixente

Durante o simposio tamén está prevista a celebración do concurso PRODEL de Control Intelixente, que consistirá en controlar o movemento dun sistema LEGO en configuración de péndulo invertido construído a partir de compoñentes comerciais. Este sistema ten unha configuración física similar ao coñecido transporte de dúas rodas Segway e o problema de control consiste en mantelo estable en vertical en calquera circunstancia. “O obxectivo é achegar os diferentes paradigmas de control intelixente a investigadores e alumnos dos últimos cursos mediante a realización de control intelixente sobre un sistema físico real”, explica o presidente do comité organizador.