DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe inaugurouse a VIII Reunión de Microbioloxía do Medio Acuático

Expertos nacionais debaten en Vigo os últimos avances no tratamento e reciclaxe de augas

O encontro reúne a 90 científicos e persoal especializado de laboratorios e empresas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/09/2010

Todos sabemos que a auga é indispensable para a vida, pero non sempre somos conscientes da súa importancia. Para lembrárnolo dende hoxe e ata o vindeiro xoves reúnense en Vigo reúnense en Vigo os principais investigadores e profesionais que se dedican en España a temas relacionados coa microbioloxía da auga. Procedentes de universidades, centros de investigación, laboratorios de saúde pública e empresas empregarán estes días para intercambiar coñecementos e pórse ao día sobre os múltiples campos nos que están a traballar: tratamento de augas potables e residuais, reciclaxe de augas para regadío, controis de calidade ou sistemas de detección rápida de microorganismos, son só algúns exemplos.

Organizado por profesores de Microbioloxía das facultades viguesas de Bioloxía e Ciencias do Mar e da ourensá de Ciencias, a VIII Reunión de Microbioloxía do Medio Acuático inaugurouse esta mañá no Centro Social Caixanova baixo a batuta da catedrática da Universidade, Mª Teresa Pérez Nieto, presidenta do comité organizador, que lembrou que esta reunión ten como principal obxectivo pór en contacto a científicos que presentarán os avances máis recentes en campos de investigación relacionados coa microbioloxía da auga, en calquera das súas modalidades, e por outro, a persoal especializado de laboratorios de análise, de saúde pública, de empresas de acuicultura, de confrarías de produtores de marisco, conserveiras e empresas de produción e transformación de alimentos que traballen con aspectos relacionados coa microbioloxía da auga.

70 ponencias sobre “auga”

Nestes tres días de duración do encontro presentaranse arredor de 70 ponencias nas que se abordarán desde aspectos aplicados de contaminación e presenza de patóxenos na auga e en organismos cultivados ata outros relacionados coa biodiversidade e función de microorganismos en sistemas acuáticos. “Ademais, aproveitaremos tamén o encontro para facer entrega do premio á mellor tese de doutoramento realizada nos últimos dous anos”, subliñou Pérez Nieto, que incidiu tamén en que estas reunións científicas de ámbito nacional se celebran cada dous anos “desde que no ano 1996 se formou o grupo especializado de Microbioloxía do Medio Acuático da Sociedade Española de Microbioloxía, integrado na actualidade por arredor de 170 socios”.

Apoio ao Campus do Mar

A inauguración da reunión foi un punto de encontro no que, unha vez máis, se fixo patente a forte implicación da sociedade galega coa consecución para Vigo do Campus do Mar. Neste sentido, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, fixo fincapé na importancia que o mar sempre tivo para a cidade e lembrou que este xoves se celebrará na cidade o gran acto de apoio ao Campus do Mar, “no que se darán cita os principais representantes académicos, sociais, políticos e económicos de Galicia" e, entretanto, "este congreso é un excelente preludio desta data”.

Tamén desde o concello se incidiu nesta idea, “xa que a cidade nace do mar e, desde logo, é o medio máis importante que temos”, destacou o concelleiro da Área de Xestión Municipal, Carlos López Font, que subliñou a importancia deste tipo de encontros “que contribúen a dinamizar a investigación científica tamén en tempos de crise”.

Xunto a Costas e López Font, a inauguración do encontro contou coa participación de Juan José Borrego, presidente do grupo especializado de Microbioloxía do Medio Acuático da Sociedade Española de Microbioloxía, que tamén subliñou a gran implicación da cidade co mar.