DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos e profesionais debaten sobre a protección tecnolóxica nas empresas e a necesidade de medidas globais

Sinalan a necesidade de que a propiedade industrial non se vexa freada polas fronteiras

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/11/2009

Nunha era na que a globalización determina todos os aspectos da economía, as empresas precisan tamén unha protección integral e global da súa propiedade industrial. Para debater sobre este reto de futuro, expertos e profesionais reuníronse este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias na Xornada sobre a protección da tecnoloxía na empresa.
Organizada pola profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, María del Mar Maroño e polo profesor de Mercantil da Universidade da Santiago, Ángel García Vidal, esta iniciativa ten como finalidade analizar os principais elementos da tutela xurídica que recibe a tecnoloxía na empresa. Segundo explican os dous profesores, o gran problema no campo da protección industrial son as fronteiras, “a clave é ter instrumentos ou convenios a nivel internacional que lle dean ás empresas protección global, xa que a economía tamén é global”. Na actualidade existen xa convenios, por exemplo coas patentes, e existe unha patente europea “pero debemos traballar na busca dun instrumento de protección única, algo moi complicado”. Segundo explicou o profesor García Vidal, na actualidade existen dous tipos de convenios, “uns para que os requisitos sexan os mesmos nos diferentes estados e outros para que se poida presentar unha solicitude única que sexa efectiva en diferentes países”.
Neste camiño para chegar a esta situación ideal dunha protección sobre a tecnoloxía a nivel global xorden atrancos e cuestión delicadas, sobre todo no que se refire aos países en vías de desenvolvemento. Para eles, apuntan os investigadores, estas medidas coordinadas entre países que permiten a protección da propiedade industrial máis aló das fronteiras, xa sexan patentes, modelos de utilidades ou programas informáticos, “só benefician aos países ricos, porque eles non teñen industria nin infraestruturas para xerar esta tecnoloxía industrial e este afán globalizador prexudícalles”.

As importantes achegas do Idius

O Instituto de Dereito Industrial da Universidade de Santiago de Compostela é unha referencia a nivel mundial neste eido e o feito de que boa parte dos relatores sexan membros do mesmo, contribuíu dun xeito determinante ao éxito desta xornada.
O encargado de abrir o programa foi José Antonio Gómez Segade, catedrático da USC e director do Idius que afondou na protección e transferencia do segredo industrial, o know-how das empresas. Segundo apunta o profesor Francisco Torres, “a presenza destes experto é un aval, este instituto é pioneiro en España e unha referencia en toda Europa en patentes, dereito de marcas, modelos de utilidade ou deseños industriais”.
Logo del, ao longo da xornada achegaron o seu coñecemento aos asistentes, o catedrático de Dereito Mercantil da USC, Manuel Botana; o profesor e co-organizador deste evento, Ángel García Vidal; o profesor Javier Framiñán e os docentes da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero e Javier García Vidal.
En total, segundo explica o profesor Francisco Torres, “contamos cun preto de 50 asistentes, unha cifra moi satisfactoria e similar á iniciativa que sobre este tema organizamos o pasado curso”. Para a organización, a heteroxeneidade dos participantes foi unha das maiores sorpresas, “xa que proceden de sectores moi diversos, dende o campo da enxeñaría ata a avogacía pasando por representantes de empresas do sector e alumnos, tanto do campo económico como de empresas e da enxeñarías”.