DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 12 ao 14 de novembro no Centro Cultural da Deputación Provincial

Expertos e profesionais da estatística reuniranse en Ourense para promover a aplicación desta disciplina

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 28/09/2009

Promover e divulgar os métodos e aplicación da estatística no ámbito da nosa comunidade autónoma é o obxectivo do IX Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que terá lugar por primeira vez en Ourense os días 12, 13 e 14 de novembro. “A celebración deste acontecemento é unha forma máis de poñer diante dos congresistas as excelencias da nosa cidade e potenciar todas as posibilidades que ofrece”, comenta o profesor Tomás R. Cotos, co-presidente do comité organizador. Auspiciado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) e organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade, este congreso continuará co labor desenvolvido no anos anteriores, “pretendemos que permita o intercambio de ideas entre os profesionais desta área de coñecemento e tamén a súa divulgación ao resto da comunidade científica, ao mundo empresarial e a sociedade en xeral”, explica Cotos.
As xornadas están dirixidas fundamentalmente aos profesionais e persoas interesadas na Estatística e Investigación de Operacións (EIO) de Galicia, dos cales “unha elevada porcentaxe dedícase ao ensino secundario, motivo polo cal organizamos un obradoiro de estatística”. Aínda que o prazo de inscrición continúa aberto e non se coñece o número de matriculados, “agardamos acadar máis de 100 participantes, o cal é unha asistencia importante tendo en conta que é un congreso a nivel autonómico”, dixo Cotos.

Relatorios, mesas redondas e obradoiros

O congreso estrutúrase en tres días, nos cales terán lugar conferencias invitadas con expertos de recoñecido prestixio, pero tamén se conta con contribucións dos propios participantes en formato de póster ou oral e mesas redondas, que “abordarán e analizarán dende diferentes puntos de vista o estado actual da estatística e investigación de operacións na sociedade en relación con outras disciplinas”, apunta Cotos. Neste último apartado, Cotos destacou a mesa redonda na que se falará sobre o uso da estatística no sector turístico “con representantes do Instituto de Estudios Turísticos de Galicia (IET), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e Turgalicia”, e tamén o coloquio sobre as liñas de investigación presentes e futuras da EIO.
Nesta edición tamén ser realizarán dous obradoiros sobre o uso da estatística co programa informático Excel e o software estatístico R, de carácter libre. O primeiro deste obradoiros está contemplado como curso complementario pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.

Expertos en todos os ámbitos da estatística

Polo Centro Cultural da Deputación pasarán expertos en distintos ámbitos da EIO. Na área de Investigación de Operacións destacan os relatorios de Miguel Salicrú da Universidade de Barcelona e Xoaquín Sánchez Soriano da Universidade Miguel Hernández de Elche. No eido da Estatística hai que salientar a intervención de Alexandre Sánchez da Universidade de Barcelona cun relatorio sobre bioinformática e a participación do investigador Per Kragh Andersen da Universidade de Copenhagen que falará sobre a estatística en epidemioloxía. Por último, no ámbito da docencia, a profesora Carmen Batanero ofrecerá unha conferencia sobre a educación estatística en niveis non universitarios. Ademais, Cotos lembrou que “non podemos esquecer aos outros conferenciantes nin aos membros das mesas redondas”.