DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos do sector editorial aseguran que o e-book será o regalo estrela deste Nadal

No marco da xornada sobre Deseño editorial e libro electrónico celebrada en CC Sociais e da Comunica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 15/12/2009

Os agasallos tecnolóxicos son habituais no Nadal. Se nos anos anteriores foi o iPhone ou o iPod, agora é a quenda do eBook ou eReader, o soporte de lectura do libro dixital, que permitirá ter unha biblioteca portátil nun peto. Así o aseguraron varios expertos do eido editorial no transcurso da xornada Deseño editorial e libro electrónico, desenvolvida na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A implantación do libro electrónico é xa un camiño sen retorno e disto vén de decatarse a industria editorial. Abordar a adaptación do negocio e do deseño gráfico dos seus produtos a ese novo contexto é o obxectivo desta xornada, organizada pola Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade, coa coordinación dos profesores Alberto Pena e Pedro Pablo Gutiérrez e co patrocinio da Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade.

Un cambio para a industria editorial e tamén para a audiovisual

Alberto Pena sinalou o libro electrónico como “un dos novos soportes de comunicación”, por iso pensou que era relevante facer na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha xornada en torno a el, “para coñecer cales son as últimas tendencias e cal é a reacción da industria editorial ante este novo horizonte”. Así mesmo, sinala como motivo das xornadas “darlle a oportunidade ao alumnado de coñecer os rudimentos deste cambio importante no mundo audiovisual”.
Na súa opinión non se trata só dun cambio de soporte, senón tamén da “apertura a novos mecanismos de información, posto que o libro dixital permitirá utilizar múltiples ferramentas como enlaces a webs, buscar palabras en todo o texto, que as notas a pé de páxina se transformen en xanelas, a inclusión de citas audiovisuais que remitan a un vídeo..., en definitiva, será multidemensional e multimedia”. Neste sentido cre que as transformacións no soporte levarán a unha transformación na concepción e no contido dos libros.
Na escolla dos relatores precisa que decidiron traer especialistas dunha editorial española, neste caso Santillana, e doutra galega, Galaxia, para confrontar dous mercados, o galego en galego, co español en castelán.

Unha distribución máis sinxela e con dispoñibilidade en todo o mundo

O primeiro dos relatores en intervir foi Ángel Sáenz de Cenzano, director de loxística do Grupo Santillana, que leva máis de 25 anos traballando nesta editorial. Nunha conferencia titulada A industria do libro, presente e futuro esbozou as mudanzas que a irrupción do libro electrónico introducirá na cadea de distribución dos produtos editoriais. Neste sentido, destacou que se eliminan os problemas de almacenamento e que a distribución será máis fácil e con dispoñibilidade en todo o mundo. Isto, unido ao aforro de papel, diminuirá os custes, o que permitirá abaratar o prezo final do libro. En beneficio da editorial, sinalou tamén a posible desaparición das devolucións ao non vender un produto físico.
Sáenz de Cenzano equiparou esta transformación que está vivindo o sector á desenvolvida no século XV coa imprenta de Gutemberg. “A imprenta serviu para poñer o coñecemento a disposición de máis xente e iso é o que sucede hoxe con Internet”, sinalou, para deseguido aclarar que a diferenza é que hoxe “se fai de maneira inmediata, sen os procesos tradicionais de distribución e cun custe mínimo”.

Actualizacion da Lei de propiedade intelectual

Neste contexto, afirmou que tanto as editoriais como as administracións teñen que “facer un esforzo para poñerse ao día”. Unha das súas principais preocupacións é a actualización da Lei de propiedade intelectual, pois a vixente é do ano 2007 e, segundo indicou, “non fai ningunha referencia ao libro dixital”. Así mesmo, considera que aínda está por establecer o modelo de negocio, é dicir, “o que se vai vender e como”. Ante a incerteza, acudiu aos datos para destacar que é un camiño sen retorno, pois segundo as previsións anunciadas na última feira de Frankfurt, en 2018 o 50% das novidades sairán editadas en formato dixital.
Completaron a xornada José Crespo, director de arte de Santillana, que falou dos criterios gráficos, tipográficos e de maquetación no deseño editorial; e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, que tratou a expansión do libro electrónico en galego e a súa repercusión no negocio editorial en Galicia.