DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza do IPCC da ONU reúne ata o venres aos 300 autores do informe do grupo III

Expertos de todo mundo buscan en Vigo solucións para mitigar o desafío do cambio climático

Denuncian que, pese á crise, seguen aumentando as emisións de gases de efecto invernadoiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 05/11/2012
Da relevancia da xuntanza do IPPC en Vigo falan os datos. 281 expertos de 56 países dos cinco continentes que enchen os hoteis da cidade ata o vindeiro venres na única xuntanza en Europa deste grupo centrado na mitigación dos efectos do cambio climático. Neste días traballarán na revisión do borrador do quinto informe, que verá a luz en abril de 2014. O catedrático da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira é un dos autores principais deste documento co que se informará ao gobernos sobre as estratexias de resposta do cambio climático, sempre sen carácter prescriptivo. Segundo explicou tras a primeira sesión plenaria, “o traballo do grupo centrarase nas cuestións económicas e tecnolóxicas” e revisaranse os pretos de 16.000 comentarios achegados polos 600 expertos que revisaron o primeiro borrador.

Xunto cos tres co-presidentes do grupo III, Ottmar Edenhofer, Ramón Pichs-Madruga e Youba Sokona, compareceron ante os medios para dar conta da natureza e alcance do traballo nun momento crucial na loita contra o cambio climático. Destacaron os expertos que, pese á situación de crise económica, “as emisións de gases que provocan efecto invernadoiro seguen en aumento”. Este é un dos dos principais puntos de inflexión dos últimos dez anos e quere dicir que “non se está no camiño adecuado e non se están conseguindo os obxectivos desexados”. Como indicou Ottmar Edenhofer este incremento das emisións débese ao aumento do uso do carbón e indicou dous desafíos principais neste campo para os vindeiros anos. Por unha banda, “temos que entender que pasaría no planeta se non contásemos con políticas climáticas, valorar os diferentes escenarios posibles sempre tendo en conta que no século XXI non imos quedar sen petróleo ou gas, a limitación non será de carburantes, senón da capacidade da atmosfera para captar contaminantes”.

O outro desafío, segundo Edenhofer, é desacoplar as emisións do crecemento económico e para iso estase a traballar en 100 escenarios diferentes para saber que pasaría se se adoptasen unhas ou outras políticas climáticas. Neste sentido, Youba Sokon fixo fincapé en que as posibilidades de mitigación son diferentes nos países avanzados e nos que se atopan en vías de desenvolvemento. O co-presidente etíope destacou que o continente africano está a apostar firmemente polas enerxías renovables e crecendo unha media do 5%. O desafío que se presenta, indicou, é “posibilitar o desenvolvemento a través de fontes de enerxía adecuadas”.

O IPCC, un organismo independente

Na sesión plenaria que abriu esta xuntanza do grupo III do IPPC da ONU tomaron parte a directora da Oficina Española de Cambio Climático, Susana Magro; a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. O presidente do IPCC, Rajendra Pachauri, e a secretaria executiva da Convención Marco sobre Cambio Climático de Nacións Unidas, Christiana Figueres, que interviñeron a través de videoconferencia, resaltaron a importancia do futuro informe de avaliación do IPCC para as próximas negociacións climáticas.

Neste sentido, todos os representantes deste organismo dependente da ONU, que conta con outros dous grupos de traballo ademais do que se reúne estes días en Vigo, coincidiron en resaltar o carácter independente do IPCC, o principal organismo mundial para a avaliación do cambio climático, cuxo obxectivo fundamental é realizar informes de avaliación a partir da información científica, técnica e socioeconómica máis relevante. Ottmar Edenhofer subliñou que o IPCC “non prescribe nin recomenda políticas aos gobernos, senón que trata de explicar os diferentes camiños de loita contra o cambio climático, as súas posibilidade e riscos de xeito rigoroso”. É dicir, os seus informes son politicamente relevantes, pero non politicamente presciptivos, “por iso os gobernos moitas veces non están contentos con nós, porque queren recibir mensaxes máis claros, pero ese non é o papel do IPPC”, remarcou.

Quinto informe, en 2014

O que se presentará en 2014 será o quinto informe. O primeiro, en 1990, tivo un papel decisivo na creación da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático. O segundo, de 1995, proporcionou información científica clave para a adopción do Protocolo de Kioto en 1997. O terceiro, publicado en 2001, insistiu na necesidade dun novo protocolo para integrar os países que representan o maior nivel de emisións e non están presentes en Kioto. O cuarto, de 2007, amosaba evidencias suficientes para afirmar que o quentamento do sistema climático é inequívoco e establece como causa probable as actividades humanas. Trala publicación deste último informe, o IPCC recibiu o Premio Nobel da Paz.

Manifestación de apoio de Coalición Clima

A xuntanza de Vigo é a terceira que o grupo III celebra neste ciclo e é a penúltima antes da presentación do informe final, no que traballan 16 equipos, tantos como capítulos terá este documento. O co-presidente cubano, Ramón Pichs-Madruga, incidiu en que non é labor deste organismo realizar novas investigacións, senón que se trata de sistematizar as elaboradas ao longo deste ciclo, dende a publicación do anterior informe, centrándose nos aspectos científicos e tecnolóxicos para mitigar o cambio climático.

Precisamente por esta vertente científica, este cumio contou co apoio dende a rúa de Coalición Clima, na que conflúen Greenpeace, CCOO, Verdegaia ou Amigos da Terra. Con dúas pancartas despregadas no exterior do Centro Social Novacaixagalicia, os activistas reclamaban que os gobernos se fagan eco das recomendacións do IPPC e dos seus informes. Denunciaron a pasividade política fronte ao “maior problema do planeta” e continuidade dun modelo petroleo-dependente. Tom Kucharz, o portavoz deste grupo, lembrou que os países do norte son os responsables deste situación e os que deben poñerlle fin cambiando o modelo económico, apostando polas enerxías renovables, deixando de subvencionar ás empresas máis contaminantes, mudando as políticas agrarias e deixando atrás un sistema consumista. Segundo indicou, “estamos aquí apoiando á ciencia e agardamos que esta reunión do IPCC sirva para romper o silencio”.