DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos da Universidade participan nun libro sobre a fronteira e a identidade raiana

Entre os autores están os profesores Xulio Pardellas, Camino Noia e Xosé Manuel Cid

Etiquetas
  • Ourense
Noelia V. Vilanova DUVI 12/11/2008

Fronteiras, identidades transfronteirizas e relacións na raia son obxecto de análise e principais temáticas do libro As fronteiras e as identidades raianas entre Portugal e España, no que colaboran varios profesores e investigadores da Universidade de Vigo. Xulio Pardellas, Camino Noia e Xosé Manuel Cid comparten autoría con numerosos expertos nos campos da historia e da antropoloxía nun libro que pretende ser unha reflexión sobre o patrimonio cultural construído a través do territorio transfronteirizo e das estratexias utilizadas polas comunidades do sur de Galicia e do Norte de Portugal para producir e reproducir socialmente a súa existencia económica e social e compartir as potencialidades deste amplo territorio. “Os pobos da raia constrúen unha microsociedade na que establecen relacións moi estreitas entre eles e posúen unha riqueza cultural de gran importancia”, comentou Xosé Manuel Cid, un dos autores do libro. Son precisamente estas relacións sociais as que se intentan analizar na obra desde un punto de vista cultural, económico e histórico. “Desde o punto de vista da economía hai bastante traballo realizado, sen embargo culturalmente aínda queda moito por facer”, apuntou Cid. A pesar da relación fluida que existe entre os pobos raianos, “son esquecidos oficialmente, a vida que ocorre a través da fronteira non está recoñecida”, engadiu Cid. “O lóxico sería que se aproveitasen estas potencialidades e que os nenos crecesen coñecendo ambas culturas e idiomas”, concluiu.

Ponte... nas ondas!

Neste camiño de potenciar as relacións culturais entre a nosa comunidade e o país veciño, xurdiu Ponte... nas ondas! “unha experiencia pedagóxica que fomenta a radio interescolar como medio de comunicación entre centros educativos galegos e portugueses”, explicou Cid. Esta foi precisamente a súa achega ao libro, un capítulo adicado a este proxecto que leva en marcha 15 anos e que ten como obxectivo “buscar elementos culturais transfronteirizos e procurar pontes que eliminen as barreiras de comunicación que se construíron coas fronteiras establecidas xeograficamente”, aclaraou Cid. Esta experiencia radiofónica realízase unha vez ao ano e, aínda que se iniciou entre Salvaterra e Monçao, na actualidade participan máis de 50 escolas de toda Galicia. Os rapaces realizan un traballo de investigación durante o ano sobre a proximidade xeográfica, cultural e afectiva co lado portugués, que finalmente ve a luz a través deste programa de radio. O obxectivo do proxecto “é que ambos lados da fronteira se comuniquen non só de xeito económico senón tamén culturalmente”, puntualizou Cid. Ponte... nas ondas! “é unha experiencia intercultural e interxeracional sen precedentes, xa que conecta as xeracións dentro dos propios territorios e fai que os nenos investiguen o seu entorno”, subliñou.
O outro tema importante que trata Xosé Manuel Cid no libro é a presentación da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO. Aínda que finalmente non se acadou o obxectivo “foi un feito importante xa que os nenos si que valorizan o traballo realizado, recuperaron a cultura da súa zona, e isto é o importante desde o punto de vista educativo”, concluíu Cid.