DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza en Vigo a primeira fase do proxecto internacional SOS-VICS

Expertos en violencia de xénero reclaman “un plus de formación e concienciación” coas vítimas estranxeiras

Un taller profesional reunirá na cidade unha trintena de expertos que deseñarán o traballo de campo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/01/2013

O intérprete que traballa a miúdo con vítimas estranxeiras de violencia de xénero ten que ter un plus de formación e concienciación, xa que non se trata dunha actuación profesional “ao uso”, pois nestes casos ao seu quefacer habitual debe incorporar diferentes coñecementos, formas de estar que teñen que ver co emocional, co cultural... e que provocan que o seu traballo sexa moito máis complexo ca normalmente... “se ben a cambio temos a satisfacción de estar contribuíndo á defensa dos dereitos humanos das mulleres e a cambiar a súa realidade que non deixa de ser a nosa”, así de rotunda se manifestou a xurista e investigadora de Amnistía Internacional María Naredo nun relatorio impartido este mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Naredo visita Vigo convidada polo proxecto internacional SOS-VICS, unha iniciativa piloto liderada pola Universidade de Vigo e financiada con máis de 400.000 euros pola Dirección Xeral de Xustiza da Comisión Europea. “A dobre meta de SOS-VICS é, por un lado, orientar a profesionais e vítimas estranxeiras sobre as particularidades de traballar coa asistencia dun intérprete e, por outro, crear materiais de formación específica en violencia de xénero para que os intérpretes conten coas habilidades e coñecementos necesarios, tanto para garantir os dereitos das vítimas como para asegurar que os profesionais desenvolven o seu labor con total garantía”, subliña a coordinadora xeral do proxecto, a profesora Maribel del Pozo Triviño, encargada de presentar a conferencia de María Naredo, de quen explicou que se trata dunha das expertas que vai participar este xoves e venres nun talleres de traballos organizados por SOC-VICS e que teñen como obxectivo deseñar o traballo de campo do proxecto. “Haberá expertos de todos os campos que interveñen na atención ás vítimas, desde xuíces ata policías, forenses e avogados”, subliña Del Pozo, que explica que a sesión do xoves estará dedicada ao ámbito psico-social e de tradución e interpretación e o 18 centrarase máis no eido xurídico e nela participarán diferentes profesionais da xudicatura, a fiscalía, a medicina forense, a avogacía e a policía.

Unha realidade salpicada de mitos e prexuízos

Nunha intervención salpicada por múltiples exemplos, María Naredo, coordinadora dos principais informes de Amnistía Internacional sobre violencia contra as mulleres en España, relatou aos asistentes a súa experiencia de traballos con intérpretes, profesionais ou non, no trato coas vítimas estranxeiras de violencia de xénero.

Ademais de asumir que todos podemos ter mitos e prexuízos derivados do noso propio proceso de socialización, a experiencia acumulada en anos de traballo coas vítimas, pon sobre a mesa a necesidade de realizar o que Naredo subliña como “escoita integral”, en referencia a importancia non só da linguaxe verbal, senón tamén das emocións, as omisións, os xestos... “e creo que é moi importante que saibamos ler todo iso e, na medida do posible, poder transmitilo”, subliñou, ao tempo que insistiu en que “non é o mesmo cando te rouban no metro que cando sufriches unha agresión continuada de vinte anos por parte do teu marido”. Por outro lado, fixo tamén fincapé na importancia do control das reaccións persoais e dos xuízos, verbais e non verbais, que se emiten a miúdo tales como ‘porque non o deixou antes’ ou ‘non tiña que haber volto con el’. “É fundamental que desterremos este tipo de mitos da nosa relación coa muller porque todas esas caras de sorpresa ou incluso de estupor ou de xuízo negativo van a ser causas de que a muller se vaia pechando e acabe por contarnos a quinta parte do relato”, subliñou Naredo.

O sexo do intérprete pode ser determinante

Entre as principais recomendacións a experta fixo fincapé na necesidade de recoñecer as dificultades de expresión das vítimas e garantirlle en todo momento confidencialidade. “Ela ten que saber que si somos a única persoa que a entendemos e que podemos comunicarnos con ela en esa linguaxe, que é a súa lingua materna, imos gardar segredo de todo o que considere e que a información se vai empregar sempre de xeito axeitado”, subliñou.

Arredor da figura do intérprete, a avogada e investigadora subliñou tamén que o sexo do intérprete en ocasións pode determinar que unha muller se abra ou non a contar determinadas cuestións, sobre todo, nunha primeira declaración na comisaría. E logo, por outro lado, destacou tamén a importancia de coñecer a carga cultural de determinados vocables para entender o que a muller quere dicir. “Ademais é importante que traduzamos en palabras chas que garantan que a muller entende o que o avogado lle di”, engadiu.