DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa, baseado en dinámicas de aprendizaxe social, dura 12 semanas 

Explorer UVigo-Santander, unha oportunidade para desenvolver a túa idea de negocio a custe cero 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de setembro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/07/2023

12 semanas de traballo, a custe cero, para desenvolver unha idea de negocio. Isto é o que programa Explorer UVigo-Santander ofrece ás e aos participantes nunha nova edición desta iniciativa gratuíta de apoio ao emprendemento, que achega á comunidade universitaria o impulso necesario para desenvolver o seu proxecto e lanzalo ao mercado. Cun enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, Explorer está deseñado para que as persoas participantes se convertan en parte activa do cambio a través da posta en marcha de proxectos economicamente sostibles en distintas industrias, sectores e tipoloxías de organizacións, fomentando a elaboracion dun proxecto economicamente sostible que contribúa á liberdade financeira do seu promotor e a lograr algún ODS 2030.

As e os participantes no programa poderán asistir ás formacións de Explorer Space UVigo, un espazo de coworking, onde recibirán asesoramento personalizado e formación impartida por unha rede de máis de 200 expertos e onde conectarán con outras e outros emprendedores coas súas mesmas inquedanzas. Co obxectivo de acelerar as iniciativas con maior potencial, a formación e as sesións complétanse con premios: viaxes á European Innovation Academy de Lisboa, onde participarán nunha experiencia de inmersión de formación cos outros proxectos seleccionados por cada Explorer Space, desenvolvidos por emprendedores doutros países participantes no programa. 

As persoas interesadas en participar nesta nova edición da convocatoria poderán presentar as súas solicitudes a través da App do programa, ata o 1 de setembro. 

12 anos, 17 edicións e preto de 12.000 proxectos

O programa de Emprendemento novo do Santander, polo que xa pasaron preto de 12.000 proxectos, acada este ano a súa 17 edición, na que participarán 11 países de Europa e América do Sur, coa novidade de Perú.

Durante as 12 semanas que dura o programa, as e os participantes recibirán formación en liña con metodoloxía learning by doing e afianzarán conceptos como proxeccións financeiras, creación de landing page ou pitch comercial e recibirán a validación para transformar os seus proxectos en solucións viables e sostibles. O programa, segundo Diego Calascibetta, director global de Emprendimiento y Fintech Station de Santander
Universidades, “está deseñado para aprender a navegar nas primeiras etapas do Emprendemento, non só a nivel técnico e de achega de ferramentas, senón tamén no fomento unha actitude positiva e resolutiva ante os moitos problemas e retos que o emprendemento implica, pero polo mesmo é un programa que achega unha visión e unha postura firme fronte aos desafíos dos que hoxe son novos, pero mañá serán líderes e grandes profesionais”.