DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 16 de novembro na ETS de Enxeñaría de Minas

Explosivos e escáner termográfico en 3D, protagonistas da sexta edición da Semana da Ciencia

As actividades céntranse na sostenibilidade enerxética con exercicios nos que o alumnado participa d

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 12/11/2012

Dar unha visión máis realista das investigacións que se realizan nos laboratorios da ETS de Enxeñaría de Minas. Ese é o obxectivo da sexta edición da Semana da Ciencia, que nesta ocasión e coincidindo co Ano Internacional da Enerxía Sostible profundará no camiño da renovación de materiais e no medio ambiente. Dende hoxe e ata o vindeiro 16 de novembro máis de 800 alumnos de 25 centros de ensino medio e bacharelato participarán de xeito activo en actividades manipulativas reais apoiadas en medios audiovisuais deseñados para a iniciativa. Todo apoiados en 15 alumnos de Minas que farán de guía e intérprete para estes enxeñeiros en potencia.

Explosivos, escáner en 3D e novos materiais

Durante dúas horas, os participantes coñecen de primeira man as posibilidades que abren enerxías alternativas como a biomasa ou o biodiésel, o emprego de novos materiais como a espuma ou o emprego da fotoelasticidade, unha técnica que permite medir esforzos e deformacións de materiais a través do uso da luz. Cunha cámara termográfica, como a empregada nos estudos de eficiencia técnica, os estudantes realizaran pequenos experimentos para visualizar aspectos como a temperatura corporal dos presentes nas aulas, tomando incluso unha termografía de grupo para dar aos participantes como recordo.

Con explosivos facilitados polo grupo industrial MAXAM, os monitores fan unha demostración activa de manexo para tentar explicar as tarefas que os enxeñeiros de Minas teñen que levar a cabo en obras civís subterráneas ou para a fractura de rochas. Como colofón, os estudantes participarán no levantamento tridimensional dunha aula na que eles están presentes cun láser 3D que fai un escaneado deles mesmos que logo poden levar como recordatorio.

Escaparate do traballo diario

Nos anos que a Escola leva acollendo a Semana da Ciencia xa pasaron polas súas aulas e laboratorios máis de 6000 persoas dun centro de centros educativos de toda Galicia. Por iso a Semana da Ciencia convértese no escaparate ideal do traballo dos enxeñeiros de Minas dende un punto de vista divertido e participativo. Xestores da utilización responsable dos recursos naturais, estes profesionais xogan un papel fundamental nos cambios na política enerxética nunha época cun consumo elevado. É precisamente nese contexto onde se enfrontan aos maiores retos, xa que na súa man está deseñar e estudar novos materiais mentres traballa nunha estratexia que permita unha maior capacidade de reciclaxe de materia prima e residuos.