DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último barómetro do Foro Económico

As exportacións galegas baixan no primeiro trimestre de 2019 case un 10%

O sector da confección é o que ten maior incidencia nesta caída

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 24/05/2019

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo público este venres os datos do Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) referidos ao primeiro trimestre de 2019. Nel apuntan como “diminuíu de xeito notable o volume da exportacións de Galicia, un -9,5%”.

Esta caída, indican en nota de prensa desde a entidade, contrasta co que acontece na contorna, xa que as exportacións estancáronse no conxunto de España e seguiron a medrar na Unión Europea e na Eurozona. “Comezamos o ano 2019 cunha evolución exportadora nas antípodas do excelente comezo de 2018”, subliñan desde foro, que lembran como o Baexga do primeiro trimestre do 2018 acadaba un índice positivo do volume exportador dun 9,4%, o que supón case 20 puntos de diferenza con respecto a este ano. Sobre a relevancia destas cifras desde a entidade recalcan como “o desempeño exportador dun país é un factor chave para avaliar a súa competitividade e a súa capacidade para ter un crecemento económico sostido no tempo”.

Confección e automoción

A evolución do número de empresas exportadoras, sinalan desde o Foro Económico de Galicia, “tampouco está a ser positiva xa que neste primeiro trimestre anotamos unha caída de semellante intensidade ao aumento que se rexistra no conxunto de España”. A contracción do volume monetario exportado, indican desde a entidade, “é imputable nas súas tres cuartas partes ao sector da confección, nomeadamente cara os mercados da Unión Europea (Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, etc.). A súa caída porcentual case triplica a caída media das exportacións galegas”.

O sector da automoción, comentan desde o Foro Económico de Galicia, comparte a problemática diagnose das exportacións, sobre todo no sector de turismos. “Seguimos a estar moi lonxe do volume exportador acadado no conxunto de España respecto do nivel de hai dez anos”, sinalan. No caso da automoción a baixada das exportacións afecta, principalmente, a países como Turquía, México ou Arxentina segundo indican desde a entidade. “É tamén importante destacar que ambos sectores (confección e automoción) son os máis relevantes en volume de exportación, concentrando máis de 2/3 do comercio exterior de Galicia”, apuntan as e os expertos do foro.

O Baexga está coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Albino Prada e forma parte das actividades do Foro Económico de Galicia, unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas “referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega”.