DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto da preincubadora universitaria Piuvi-Tecnopole Ou ultima a súa saída ao mercado

Para exportar con garantías, Fidextrack

Os seus servizos estarán dirixidos a pequenas e medianas empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/01/2014
Cun mercado e un consumo interno en crise, a supervivencia e o negocio de moitas empresas galegas e españolas está sendo a exportación dos seus produtos e servizos. Sen embargo, non todas teñen os coñecementos e as capacidades para embarcase nesta saída ao estranxeiro con garantías. Para axudar ás pequenas e medianas empresas a realizar e a xestionar as súas exportacións de acordo coa lexislación vixente, José Enrique Teijeiro, avogado e estudante da Facultade de Historia, traballa na preincubadora universitaria do campus Ourense Piuvi-Tecnopole Ou na posta a punto do seu proxecto empresarial Fidextrack.

“O obxectivo da nosa empresa será o de informar, asesorar, auditar, formar, xestionar e tramitar os manuais e procedementos necesarios para que as empresas poidan exportar cumprindo a lexislación tributaria, a de tratamento e protección de datos e a do Banco de España en materia de comercio exterior, entre outras cousas. Trátase de axudarlles a obter a certificación das súas transaccións no estranxeiro”, apunta o emprendedor. Segundo indica, cada día son máis os procedementos de oficio que a Axencia Tributaria inicia contra as empresas por supostas fraudes relacionadas co pagamento de impostos como o IVE ou o de sociedades nas exportacións. O descoñecemento das obrigas deste tipo e as dificultades das pemes para asumir os custes habituais deste tipo de servizos, salienta, poden traer consigo sancións que Fidextrack quere axudar a evitar.

Xestión con novas tecnoloxías

A idea de Teijeiro, que foi unha das tres seleccionadas para estrear este curso a Piuvi-Tecnópole Ou, xurdiu, tal e como comenta, ao detectar polos medios de comunicación e por experiencias persoais próximas, a necesidade por parte de pequenas empresas deste tipo de servizos pero a uns custes e cunhas metodoloxías accesibles. Ademais, Fidextrack permite ao seu promotor aproveitar tanto a súa formación en Dereito coma en Historia, ao abranguer este proxecto de xeito especial a arquivística e a documentación. “O que queremos é ofrecer un modelo de xestión empresarial de calidade e seguridade no manexo de datos de comercio exterior, de xeito que mediante o uso das novas tecnoloxías, as empresas que dispoñen de recursos económicos limitados poidan establecer unha organización administrativa para a exportación a baixo custo”, comenta José Enrique Teijeiro.

Desde o seu niño no Parque Tecnolóxico de Galicia, Fidextrack traballa agora na creación dunha ferramenta on line externa de auditoría e certificación de comercio exterior para o cumprimento da normativa sectorial en materia de prevención do branqueo de capitais e de obrigas tributarias. Desenvolvida coa participación dun contable e dun informático, esta plataforma integrada de certificación de comercio exterior estará baseada en dous elementos fundamentais e interrelacionados entre si, como son unha base de datos “na nube”, onde se recollerá toda a información contable da empresa relacionada coas súas transaccións exteriores, e un sistema de seguimento de mercadoría baseado nun XPS/microservidor integrado combinado con etiquetas RFID para a certificación en tempo real do posicionamento da mercadoría en tránsito no exterior. “A nosa intención é, ademais de dar servizos de asesoramento, auditoría e demais, ofrecerlles aos clientes unha ferramenta realmente útil e práctica para o seu traballo diario”, afirmaTeijeiro.

Desexando cumprir as previsións do proxecto e agradecendo especialmente o apoio da Universidade de Vigo e da Tecnopole nestes inicios, o promotor da iniciativa agarda que Fidextrack se converta nunha realidade os vindeiros meses. “Estamos moi satisfeitos por como se está desenvolvendo o proxecto. Estamos aprendendo moitísimo e a experiencia está resultando moi frutífera, xa viñamos mentalizados do que ía supor e polo tanto levamos ben o sempre difícil papel de emprender. O proxecto está agora na súa fase intermedia, desenvolvendo a ferramenta web, e agardamos que todo vaia ben para convertelo nunha realidade canto antes”, apunta o seu promotor.