DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra permanecerá no primeiro andar do Edificio Politécnico ata o día 2 de xullo

Unha exposición amosa en imaxes o rostro humano do cambio climático

A finalidade é concienciar á comunidade universitaria dos efectos do quentamento global

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 24/06/2010

Antonio Muíños é un agricultor da Coruña propietario dunha empresa de conservas que comproba cada día os efectos do cambio climático no desenvolvemento da acuicultura. Na mesma situación se atopa o tamén agricultor cacereño Carlos Pino, que ve os efectos do cambio no rendemento das súas colleitas e tamén nos seus ingresos. Son dúas das testemuñas que se recollen na exposición Testemuñas do clima: o rostro humano do cambio climático en España, unha iniciativa da organización Adena que chega ao campus da man da asociación universitaria Syme. Os paneis recollen preto de 30 historias de distintos puntos da xeografía nacional e de persoas pertencentes a colectivos diversos como agricultores, científicos, pescadores e restauradores, entre outros, que explican como se ven forzados a facer cambios nas súas profesións polo impacto negativo do quentamento global.

Concienciar á comunidade universitaria

Estas historias están recollidas en textos e fotografías e amosan, no seu conxunto, a necesidade dunha acción inmediata para frear os efectos negativos do cambio climático.
Natividad Pérez, da asociación Syme, afirma que esta exposición “é unha proba real de que o cambio climático está a ter unha influencia negativa no modo de vida de moitos cidadáns do mundo”. Dende o colectivo medio ambiental declaran tamén que a mostra quere ser unha chamada de atención aos gobernos, ás empresas e aos cidadáns “para que actúen dunha maneira inmediata e tomen conciencia da urxencia do problema do cambio climático”.
A exposición atópase no primeiro andar do Edificio Politécnico onde permanecerá ata o vindeiro día 2 de xullo. Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, explica que o principal obxectivo da mostra “é o de sensibilizar á comunidade universitaria, e a todas as persoas que pasen polo campus, da importancia e dos efectos que está a ter o cambio climático nas nosas vidas”, declara.