DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra itinerante, impulsada pola UAITIE, inaugurouse este xoves

Unha exposición amosa a traxectoria de 30 mulleres pioneiras da enxeñaría e o seu impacto no desenvolvemento industrial

Poderase visitar na sede campus da EE Industrial ata o día 15 e na sede cidade ata finais de mes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 01/02/2024

30 mulleres enxeñeiras, con traxectorias de excelencia académica e profesional, son as protagonistas da mostra que dende hoxe e ata finais deste mes se poderá visitar na Escola de Enxeñería Industrial. A exposición itinerante Mujeres ingenieras de éxito y su impacto en el desarrollo industrial, impulsada pola Unión de Asociaciones de Ingenieros Técnicos Industriales de España (UAITIE), chega a Vigo tras o seu paso por máis de 15 cidades de toda España co obxectivo de abordar a fenda de xénero nas carreiras de enxeñaría e, ao tempo, poñer en valor algunhas das figuras femininas máis representativas deste eido. 

A mostra está formada por 30 paneis que recollen as historias doutras tantas mulleres que amosan o camiño das diferentes ramas da enxeñaría dende o século XIX ata a actualidade, dende aquelas pioneiras que marcaron tendencia e conseguiron grandes logros, patentes e invencións, ata outras mulleres contemporáneas que, a base de traballo, esforzo e vocación, foron quen de acadar o éxito nos distintos campos da enxeñaría. Entre outras, nesta mostra as e os espectadores poderán achegarse a figuras como Ángela Ruiz Robles, Rosa Franco Rivas, Susana Carballo Cuesta, Dubra Rodríguez López ou Mónica Ariño Castellano. 

A exposición poderá visitarse na sede campus da EE Industrial dende hoxe ata o 15 de febreiro e na sede cidade en Torrecedeira do 16 ao 29 de febreiro no horario de apertura habitual do centro. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Enxeñeiros Técnicos Industriais e Graduados en Enxeñería da Rama Industrial de Pontevedra e co patrocinio deste Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo (Coitivigo).

Na procura da igualdade e de vocacións femininas nas STEM

No acto de inauguración da mostra, o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, poñía o foco “nun dos principais problemas que temos na enxeñaría, a falta de mulleres” e convidaba a todas a partes a “facer todo o posible para reverter esta situación, porque na enxeñaría, como calquera outro ámbito profesional, o que se precisa son persoas con talento”, con independencia do xénero. Lago apuntaba que a solución pasa por “comezar dende abaixo, nas familias, non facendo distincións e dicíndolle ás nosas fillas que teñen que estar preparadas para ser unhas boas profesionais no ámbito que desexen”. O vicerreitor tamén puxo o foco nas universidades, “que deben desenvolver todas as iniciativas posibles para eliminar os nesgos e para captar talento con independencia do xénero, porque na enxeñaría o único que se precisa é esforzo e traballo. Queda moito camiño por andar pero creo que, se todos participamos, as cousas van cambiar”.

O director da escola, Juan E. Pardo Froján, tamén participou no acto e amosou a súa satisfacción por acoller no centro que dirixe esta mostra, sobre todo, a unha semana de deixar o cargo, “é un bo broche” a esta etapa de case sete anos á fronte da escola. Pardo Froján quxo cifras á fenda de xénero nas titulacións STEM e explicou que na EEI, a pesar de levar moito tempo traballando para a eliminación das barreiras de xénero, as mulleres representan só o 20% do alumnado e sinalou a existencia “de grandes asimetrías entre as titulacións do centro”. Así, mentres nalgúns graos as mozas apenas chegan ao 10%, noutros son maioría”, o que demostra, ao seu entender, que “detrás da escolla da titulación persisten estereotipos e razóns culturais que fan que a selección non obedeza a uns criterios obxectivos”.  

Igual que o vicerreitor, Pardo Froján fixo un firme defensa do talento e do mérito, con independencia do xénero, mesmos termos nos que expresou a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias. Esta última recalcou que, ademais dos compromisos persoais coa igualdade, as administracións públicas deben xogar un papel determinante e “esta mostra é un exemplo de como poñer en valor o protagonismo das mulleres”.

A dez días da celebración do Día da Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, no transcurso deste acto, ao que tamén asistiron representantes dos colexios oficiais e o secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, fíxose unha chamada de atención sobre a necesidade de espertar vocacións femininas para as carreiras técnicas e científicas. “Temos unha gran fenda que rachar nas carreiras STEM e cómpre traballar para que as nenas escollan este tipo de carreiras e se interesen por elas, porque esta desigualdade provoca un grandísimo desaproveitamento do talento e do potencial da metade do mundo, que é clave para a innovación e o desenvolvemento empresarial e social. Sigamos inspirando, sigamos educando e sigamos empoderando ás nenas, rapazas e mulleres da nosa sociedade”, demandaba a concelleira de Igualdade.