DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá verse ata o 29 de marzo na Ágora da Facultade de Dirección e Xestión Pública 

Unha exposición fotográfica rememora a Cadea Báltica, unha mobilización clave na fin da URSS

Actualmente reúne fotos de Estonia e posteriormente amosará de Letonia e Lituania

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/12/2023

Seleccionado na convocatoria comunitaria European Rememberance, o proxecto Baltic Chain (Bacha) ten como obxectivos estudar e dar a coñecer a contribución que tivo á integración europea a chamada Cadea Báltica, unha mobilización que tivo lugar en 1989 en Estonia, Letonia e Lituania, que por aquel entón formaban parte da URSS, e na que na participaron preto de dous millóns de persoas. Coordinado pola Universidade Tecnolóxica de Tallin, no proxecto participan universidades de sete países, entre as que se atopa a UVigo, da man do profesor de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Entre as iniciativas divulgativas impulsadas ao abeiro deste proxecto figura a exposición fotográfica que deste este xoves pode contemplarse na Ágora desta facultade e que actualmente amosa unha escolma de fotografías desta cadea humana en Estonia e que irá mudando os seus contidos con imaxes de Letonia e Lituania.

“A idea é ir de norte a sur”, apunta Cancela dunha mostra que nestes meses poderá verse nas diferentes universidades participantes e que no caso de Dirección e Xestión Pública desenvolverase en “tres fases”, dedicadas aos tres estados bálticos onde tivo lugar unha cadea humana que se estendeu por peto de 675 quilómetros. Deste xeito, a mostra que poderá contemplarse ata o 29 de marzo irá mudando os seus contidos “aproximadamente cada mes”, ata amosar as 52 imaxes seleccionadas para esta exposición, que completan paneis informativos e vídeos sobre a mobilización. A Cadea Báltica, lembrou Cancela, que este xoves inauguraba a mostra xunto co decano da facultade, Enrique Varela, foi “unha mobilización pacífica, que partiu da sociedade civil e que marcou dalgunha forma o principio da fin do réxime soviético”. De feito, sete meses despois, Lituania convertíase na primeira república soviética en declarar a súa independencia.

Estudo e divulgación

Xunto á Tecnolóxica de Tallin e á Universidade de Vigo, no Baltic Chain Project participan tamén a Universidade de Letonia, da Vytautas Magnus University (Lituania), da Palacký University Olomouc (República Checa), da Universidade de Bialystok (Polonia) e da Comenius University de Bratislava (Eslovaquia). Centrado en afondar en como os valores asociados á Unión Europea puideron influenciar as reivindicacións a prol da independencia dos estados bálticos, o proxecto abrangue tanto o estudo este acontecemento como unha serie de accións divulgativas nos diferentes países participantes. Nese senso, Cancela, sinala que en Pontevedra tamén está prevista a organización en 2024 "dun acto académico para falar da Cadea Báltica desde a perspectiva da ciencia política”.