DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración dos 19 anos dende a aprobación da Convención dos dereitos da infancia

A exposición de Francesco Tonucci remove conciencias e sensibiliza á sociedade a prol dos dereitos das nenas e nenos

O artista envía mensaxes de atención empregando o humor e a ilustración

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 21/11/2008

Co gallo da celebración dos 19 anos dende a aprobación da Convención dos dereitos da infancia presentouse, este xoves 20, a exposición Os dereitos das nenas e dos nenos a traverso da obra de Francesco Tonucci. A través do humor e a ilustración, Tonucci manda mensaxes de atención á sociedade para que se realice un cambio no tratamento de infancia. A obra do mestre Frato pretende remover conciencias e sensibilizar ás persoas, tanto individualmente como a aquelas que posúen cargos políticos, do traballo que queda por facer no tocante aos dereitos dos nenos e das nenas, aos que moitas veces “os adultos ignoran sen ter en conta a súa opinión e necesidades”, comentou Emilia Seoane, organizadora da mostra e a encargada de versionar ao galego as viñetas.
A mostra organizada por Unicef Ourense e a Cátedra da Infancia da Universidade de Vigo, e patrocinada pola Obra Social Caixa Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ten carácter itinerante, polo que, tras a súa exposición en Ourense, percorrerá distintos puntos da xeografía galega. Segundo subliñou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, esta iniciativa "enfatiza a relación da Universidade coa sociedade a través dunha organizacion como Unicef, que leva anos desenvolvendo un intenso traballo en relación coa infancia".
A organización desta mostra de viñetas xurdiu co desexo de “acadar unha maior visibilidade e proxección social”, engadiu Seoane. Desde a Universidade de Vigo conxuntamente con Unicef Ourense víñanse organizando anualmente unhas xornadas sobre os dereitos dos nenos e nenas. Froito deses cursos e da participación de Tonucci na sesión do ano 2003, publicouse Fratografías, a primeira obra do artista en galego. A partir de entón xurdiu unha relación de colaboración que desembocou na mostra que agora se pode visitar na cidade de Ourense.

Humor e denuncia

30 paneis, estruturados en tres apartados, compoñen a exposición Os dereitos das nenas e dos nenos a traverso da obra de Francesco Tonucci. Entrando na sala, o retrato de Tonucci recíbinos nun primeiro panel que explica a súa vida e obra. Ademais amosa evocacións que distintas persoas fixeron do artista, como é o caso de Enrique Miret Magdalena, que se referiu ao artista subliñando que “Tonucci ensínanos algo que olvidamos no triste mundo en que vivimos, que o humor é o alimento necesario na vida”. Este primeiro panel remata cun parágrafo de Fratografías, no que se cita a Tonucci como “mestre e provocador de reflexión”. Neste sentido, o vicerreitor Iván Area, definiu a Tonucci como "unha persoa que é quen de plasmar nunha viñeta a problemática da infancia, da educación e da relación entre adultos e cativos".
A continuación comeza a mostra das viñetas. 28 paneis recollen ilustracións que describen casos da vida cotiá nos que os dereitos dos nenos non son tidos en conta. A exposición amósanos como, xa desde pequenos, os adultos condicionan aos nenos, ignorando os seus desexos e dereitos. O xeito de expresar as súas ideas enlaza de forma directa con debuxantes e creadores clásicos galegos "como O Carrabouxo ou o propio Castelao que fai que a súa obra nos resulte moi próxima" salientou Area.

O artista

Francesco Tonucci, nado en Fano (Italia) no ano 1941, é unha das figuras de maior relevancia no mundo do humor gráfico, da educación e da loita polos dereitos da infancia. Mestre e pedagogo centrou a súa investigación como profesional do ensino no pensamento, comportamento e desenvolvemento cognitivo infantil e na súa relación coa metodoloxía educativa.
A finais dos anos sesenta comenzou a plasmar os seus intereses en tiras cómicas que deron lugar a unha longa relación de libros entre os que se atopa Fratografías, primeira publicación en galego da súa obra, feita pola Universidade de Vigo no ano 2004.
O seu historial profesional, artístico e como activista en favor dos dereitos da infancia fai da obra de Francesco Tonucci o instrumento perfecto para a difusión da Convención dos dereitos da infancia.