DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurada polo director xeral de Comunicación Audiovisual

A exposición Galiciadixital achega ao campus unha particular visión das novas tecnoloxías

Gratuíta e aberta, estará no campus ata o venres

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 10/11/2008
Axóuxere, un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente, e un sistema de GPS que permite facer un percorrido polas distintas prazas de Compostela son as principais achegas dos investigadores da Universidade á exposición Galiciadixital que esta semana pode visitarse nas escolas de enxeñeiros de Telecomunicación e Minas.
O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, inaugurou este luns a mostra acompañado polo vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Sánchez Bermúdez, e o director da ETSE de Telecomunicación, José María Pousada. O obxectivo “conseguir que os visitantes gocen cunha experiencia nova e diferente a dos museos tradicionais”, tal como explicou o director xeral quen fixo fincapé no importante “de ver de xeito práctico o salto do laboratorio a un entorno de produción real”.
A mostra, que leva percorrido xa unha ampla parte da nosa xeografía pero que aínda non se achegara ao un campus universitario, componse dunha serie de stands nas entradas das escolas da ETS de Telecomunicación e Minas. Ao longo dos diferentes espazos expositivos, todos cunha coidada ambientación, os visitantes poden comprobar o importante progreso que as novas tecnoloxías tiveron na nosa comunidade.

Xogos 3D, simulacións e viaxes virtuais

Os xogos 3D foron algunha das actividades que espertaron máis interese no primeiro percorrido pola mostra no campus. O vicerreitor, Anxo Sánchez, non dubidou en probar un destes xogos, subido nunha cadeira de coche de carreiras dotada de volante, freo e acelerador e ataviado cunhas gafas especiais para a ocasión, puxo a proba a súa pericia como piloto.
Botar o emblemático botafumeiro da catedral compostelá e outra das posibilidades que teñen os visitantes da mostra, se ben fan falla varias persoas, pois “aínda que sexa virtual, a sensación é moi real e hai que facer bastante forza”, comentaba o director da ETSE de Telecomunicación.
Nesta viaxe dixital, podemos viaxar tamén desde a Romería Vikinga de Catoira ata a Festa da Coca de Redondela a través dunha pantalla móbil de 42”, “dependendo de cara a onde a movas podes visitar as diferentes festas que hai no noso territorio”, explicaba o responsable de Comunicación Audiovisual.
A exposición inclúe tamén a proxección de catro filmes producidos en tres dimensións: Destino Ancares, Viaxe submarina, Amor, amores e O peixe falador. “As catro producións proxectaranse no salón de actos da ETSE de Telecomunicación ao longo de toda a semana”, comentou o director, José María Pousada.
A exposición, aberta a todo o público, pode visitarse na entrada das escolas de Telecomunicación e Minas, ata o vindeiro venres en horario ininterrompido de 11 a 20 horas.

Máis información.