DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase na sala de arte do campus unha intervención do creador Rubén Santiago

Unha exposición 'Honoris Causa' para Alterarte

A mostra pecha a primeira edición do proxecto 'Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/09/2012

Nos últimos dous anos a Sala Alterarte do campus de Ourense foi acollendo sucesivamente e baixo o título Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas as propostas de creadores emerxentes seleccionados por destacados críticos de arte. Este venres inaugurouse a última mostra da serie co título Honoris Causa. Trátase dunha intervención de Rubén Santiago e comisariada por Natalia Poncela que reflexiona sobre a universidade como estrutura corporativa e lexitimadora, colocando o foco na categoría máxima de recoñecemento que outorga, o grao de doutor ou doutora Honoris Causa.

As estruturas e as súas regras

A exposición consiste na instalación no centro da Sala Alterarte dun panel branco de ferro sobre o que se proxecto o vídeo Honoris Causa, de 8 horas de duración de acordo coas 8 horas do horario laboral habitual. O audiovisual está realizado con fragmentos de centos de vídeos de actos de investidura de doutores Honoris Causa atopados polo creador en Internet. “Esta proposta convida á reflexión crítica sobre a trama das estruturas regradas, sobre a súa configuración e aparente inmobilidade”, explicou a comisaria. Este carácter crítico, apuntou María Lameiras, é un valor fundamental presente non só na mostra, senón no conxunto da Sala Alterarte, que traballa para “axudar a crear persoas con conciencia crítica, especialmente no eido universitario”.

Segundo destacou Santiago, atendendo á solemnidade da oratoria, á xerarquía protocolaria, á presenza e á posta en escena das cerimonias, o vídeo procura redefinicións sobre o concepto de poder e pescuda nas interaccións do individuo dentro destes sistemas relacionais. "Este cuestionamento dos sistemas establecidos e a concesión consensuada do valor simbólico aos obxectos, ás persoas ou aos actos, continúa a liña aberta polo creador en obras anteriores, como Tirar la casa por la ventana (2005), Shangai express (2006), Turning a public toilet into a spa (2007) ou En cadena (2009)", comentou Natalia Poncela, licenciada en Historia da Arte cunha ampla traxectoria como comisaria e crítica de arte en diversos medios de comunicación.

Unha segunda edición

A mostra, que permanecerá aberta ata o 2 de novembro, é a décima e última da primeira edición de Estado Crítico. Tal e como lembro Xosé Manuel Buxán, director de Alterarte, haberá unha segunda edición do proxecto na que se continuará coas maridaxes creadores-críticos, aínda que nesta ocasión serán membros da comunidade universitaria os que asumirán a tarefa de escoller aos artistas convidados. Mentres ese momento chega, Buxán quixo destacar e agradecer a todos os creadores, comisarios e a Filemón Rivas, técnico de Cultura do campus de Ourense, o traballo realizado durante os dous anos que se desenvolveu Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas.