DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra permanecerá aberta ata o día 7 de febreiro

A exposición "Inside Out" recolle a proposta de cinco alumnas de BBAA para romper coas convencións da pintura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 02/02/2009

A ruptura coas convencións da pintura é o nexo común das obras que cinco alumnas de Belas Artes exhiben na sala de exposicións da facultade baixo o título Inside Out. A realización dos traballos forma parte do programa da materia Metodoloxía da creación artística que imparte Berta Cáccamo. Tania Pérez, Sheila Pazos, Beatriz Suárez, Cristina Ulloa e Aida Estrela afastan as súas obras do espazo do marco ao que adoitan estar suxeitas as pinturas e fan unha exploración do abandono da bidimensionalidade. Son cinco artistas e reúnen cinco formas diferentes de traballar pero atoparon nesta idea o lazo que une as catorce obras expostas.
Sheila Pazos xoga na súa serie 21 miradas "coa relación interior-exterior a relación entre o corpo e o hábitat”, segundo indica. É o espectador quen ten que acabar a obra xa que “o importante non está”. Esta idea subxace en dúas das obras expostas empregando como soporte o punto nunha delas e a linea na outra. Nunha das pezas a ruptura das convencións chega tamén porque o cadro xa non está colgado da parede, como adoitamos ver, senón que se apoia nela. O decorativismo e os estampados actúan como vínculo da terceira obra exposta, unha gran gravata. Pola súa parte, Aida Estrela deixa o protagonismo ás redes e as estruturas. Unhas estruturas que, dun xeito natural, evolucionaron ata “saír do cadro e independizarse deste soporte”, como ela mesma explica.
O interese pola escultura de Tania Pérez queda de manifesto nas tres obras da súa produción que forman parte da exposición. A cor vermella actúa como arma e elemento “que reclama a condición de obxecto, quere protagonismo e se rebela”, sinal a autora. O leitmotiv da exposición Inside Out tamén queda patenta na obra de Beatriz Suárez, que en Tormento presenta unha cara, case que un grito, que concentra “todo o escuro e angustioso do ser humano” e sae fóra do bastidor, acadando a tridimensionalidade. Os módulos articulan as dúas propostas que Cristina Ulloa presenta en Inside Out. A súa intención é “ensalzar o contedor, que adoitamos desbotar e meter símbolos dentro”. Segundo explica, a obra leva por título Facturado porque “sempre estamos encasilados” e aposta polo concepto de debuxo como obra final e non mero borrador.

As ensinanzas do proxecto

A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 7 e, ao formar parte dun traballo académico, as alumnas xa tiraron as súas primeiras conclusións. Fíxeronse cargo, non só da creación das pezas, senón de todo o que implica a apertura dunha exposición. Por iso, coinciden en sinalar que aínda que estudaran “a distribución das pezas no espazo” se volveran atrás buscarían a forma de “darlle máis protagonismo a cada unha das pezas”. De feito, no proxecto inicial a exposición constaba de 25 pezas, que quedaron reducidas ás 14 que agora o público pode visitar.